A UIFO pon en valor o seu traballo e a necesidade da súa especialización en materia de investigación de incendios forestais para acadar unha prevención axeitada

Os axentes ambientais da Unidade de Investigacións de Incendios Forestais participou no VI Congreso Nacional de axentes forestais e mediambientais, celebrado en Logroño

Santiago de Compostela, 29 de outubro do 2022

Varios integrantes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta participaron recentemente no VI Congreso Nacional de Axentes Forestais e Medioambientais, celebrado na localidade de Logroño.

 

Alí, os axentes ambientais puxeron en valor o seu traballo e a importancia e necesidade da súa especialización en materia de investigación de incendios forestais, co fin de acadar unha prevención de incendios axeitada e dilucidar as posibles causas da recorrencia de lumes nalgúns puntos da xeografía. Para iso, matizaron, téñense en conta aspectos tan relevantes como as estatísticas do número de incendios e superficie das últimas décadas, a distribución da masa arborada, a dificultade da súa xestión e a situación territorial e demográfica do territorio galego.

 

Durante a súa intervención, os participantes galegos explicaron que a súa unidade está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que poden centrarse especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes. Tamén, grazas a esa dedicación en exclusiva, a UIFO pode focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio máis afectadas en períodos de alto risco ou en situación de alta actividade incendiaria.

 

De feito, dende a súa posta en marcha no ano 2021, esta unidade realizou xa un total de 242 dilixencias de diverso tipo, entre elas varias relacionadas coa posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios. Ademais, puideron determinar as causas de varios lumes rexistrados este verán ao atopar numerosos indicios de clara intencionalidade.

 

Así, no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño) atoparon un artefacto incendiario e unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado. Tamén atoparon papeis de xornais amoreados no punto de inicio de dous conatos rexistrados no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés) e unha pastilla de acendido noutro conato do distrito III (Santiago-Meseta Interior).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural