A Xunta achega 92.000 euros a 14 comercios lucenses para localizar e erradicar fugas nas redes de abastecemento

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que as axudas teñen como finalidade realizar auditorías orientadas a elaborar plans de actuación para minimizar as perdas de auga

Lugo, 29 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia,concedeu preto de 92.000 euros (91.800) a 14 concellos da provincia de Lugo para identificar e erradicar as fugas de auga nas redes municipais de abastecemento.


O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o financiamento vai destinado a realizar auditorías municipais de abastecemento orientadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga.


En canto á distribución das achegas, benefician a catro concellos da Mariña -Alfoz, Barreiros, Ourol e A Pontenova -; catro da Zona Sur -Bóveda, Sober, O Saviñao e Pantón -; e aos municipios de Begonte, A Pastoriza, Becerreá, O Páramo, Outeiro de Rei e Antas de Ulla.


Arias apuntou que este é o primeiro ano no que se convoca esta liña de axudas, dirixida ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento -de competencia municipal- que teñan unha poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes.


Son subvencionables os gastos destinados polos concellos desde o 1 de xaneiro de 2022 á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga.


O importe dos incentivos é do 80% do investimento subvencionable, cun límite máximo por solicitude segundo a poboación do municipio. Con esta medida a Xunta apoia aos concellos no labor de optimización do funcionamento dos seus sistemas de abastecemento, mediante un maior control dos caudais que circulan polas redes municipais, co fin de diagnosticar e atallar unha das problemáticas que pode agravar un eventual episodio de seca en Galicia, como son as fugas de auga nas redes de abastecemento.