A Xunta amplía a partir do 2 de novembro o percorrido dunha liña de autobús en Sada para conectar 5 núcleos de poboación do municipio co centro urbano

A liña entre Sada e o lugar de Armuño, en Bergondo, engade 9 novas paradas e pasa a realizar un itinerario circular que regresa ao centro de Sada

Con esta ampliación, os servizos seguen ata o polígono industrial Espírito Santo e atenden, a continuación, os lugares de Coiro, Mandín, Alborelle, O Castro e Samoedo

A liña contará con 4 frecuencias ao día de luns a venres laborables, mantendo os mesmos horarios dos servizos de ida e volta vixentes ata o momento
 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2022.-

A Xunta prolongará a partir do próximo mércores, día 2 de novembro, o percorrido dunha liña de autobús en Sada para conectar 5 núcleos de poboación do municipio co centro urbano.

 

A liña que presta servizo entre Sada e o lugar de Armuño, en Bergondo, engade 9 novas paradas a continuación das actuais e pasa a realizar un itinerario circular que finaliza no mesmo punto de saída, o hotel Sada Palace.

 

Con esta ampliación, a liña continúa ata o polígono industrial Espírito Santo e dá servizo aos lugares de Coiro, Mandín, Alborelle, O Castro e Samoedo no seu percorrido cara a Sada. Destes núcleos de poboación, os tres primeiros non dispoñían de conexión en transporte público con Sada, mentres O Castro e Samoedo contaban con paradas nunha liña integrada.

 

A oferta de servizos da liña adáptase á súa nova configuración, polo que contará con 4 frecuencias ao día de luns a venres laborables que, polo seu carácter circular, substitúen as 4 idas e 4 voltas actuais.

 

Os horarios dos servizos serán os mesmos que se viñan realizando nas expedicións de ida, polo que as saídas desde o hotel Sada Palace seguirán sendo ás 07,25 horas, 10,35 horas, 14,35 horas e 18,35 horas.

 

Esta ampliación da cobertura territorial dos servizos enmárcase no traballo de seguimento e mellora continua do transporte público que realiza a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

 

Toda a información relativa á nova configuración da liña estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.