A Consellería de Sanidade logra un acordo unánime cos sindicatos da mesa sectorial para incorporar ao persoal temporal á carreira profesional

Un total de 8.700 profesionais temporais do Servizo Galego de Saúde acadarán xa o Grao I da carreira profesional en xaneiro de 2023, ademais outros 8.000 acadarano no ano 2024

Desde o vindeiro ano, beneficiciranse deste complemento retributivo todas as categorías do Sergas, unha mellora que representará unha partida de 14,5 millóns de euros nos orzamentos autonómicos do 2023

O incremento medio para o conxunto de categorías do Servizo Galego de Saúde será do 6 %, o primeiro grao completo abonarase en xaneiro de 2023

A mellora retributiva alcanzará ao conxunto de categorías profesionais do Sergas. Entre elas, o persoal médico beneficiarase dunha subida salarial anual de 3.216,48 euros e, o persoal de enfermería dun incremento de 2.010,24 euros anuais
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022 A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e as organizacións sindicais que integran a mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE E UGT) acadaron esta mañá, de xeito unánime, un acordo polo que un total de 16.000 profesionais temporais do Sergas se incorporarán ao Grado I da carreira profesional.

Así, a partir do mes de xaneiro do ano 2023, todos os profesionais temporais do Servizo Galego de Saúde, que no ano 2018 cumpriran os requisitos, comezarán a cobrar un complemento retributivo que representará unha suba media do 6% nos salarios anuais. o primeiro grao completo abonarase en xaneiro de 2023. Esta suba salarial representará unha partida de 14,5 millóns de euros dos orzamentos autonómicos.

En concreto, desde o vindeiro ano alcanzarán o Grao I da carreira profesional un total de 8.700 profesionais temporais. Entre os mesmos, inclúense un total de 1.300 médicos e preto de 3.000 profesionais de enfermería. Dentro destes 8.700 profesionais, inclúense 5.500 que tamén poderán obter o recoñecemento dun segundo grado, con efectos económicos a partir do ano 2024. Xa que logo, acadarían dous graos en dous anos.

Ademais, desde o ano 2024 outras 8.000 persoas que desempeñan o seu labor no Sergas -se estaban en activo no ano 2018-, incorporaranse ao Grao I da carreira profesional.

Así, a mellora retributiva alcanzará ao conxunto de categorías profesionais do Servizo Galego de saúde. Entre elas, o persoal médico beneficiarase dunha subida salarial anual de 3.216,48 euros, e o persoal de enfermería dun incremento de 2.010,24 euros anuais.