A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde en Baleira a un grupo de mozas e mozos que participan nesta proposta

A Xunta agradece aos voluntarios europeos do programa XacobeAndo o seu apoio ao Camiño

A través desta iniciativa, arredor de 80 mozas e mozos procedentes de oito países distintos realizaron desde o pasado verán actividades nas rutas Xacobeas en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital

Baleira (Lugo), 28 de outubro de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou esta tarde os traballos de conservación, posta en valor e promoción dos diferentes traxectos de peregrinación a Santiago de Compostela que fixeron as persoas que participaron no programa de voluntariado internacional ‘XacobeAndo’. Fíxoo na despedida organizada en Baleira a un grupo de mozos e mozas que formaron parte desta experiencia, nun acto ao que tamén asistiu o alcalde deste municipio lucense, Enrique Martínez.  

Cristina Pichel sinalou que a través desta iniciativa, posta en marcha o pasado xullo e que este mes toca ao seu fin, uns 80 mozos e mozas procedentes de oito países diferentes tiveron a ocasión de coñecer a riqueza cultural e patrimonial dos concellos polos que transcorren as etapas de peregrinación. Neste sentido, destacou que con ‘Xacobeando’ “demos a coñecer diferentes rutas xacobeas entre voluntarios de toda Europa, aos cales quero agradecer a súa implicación na recuperación e difusión dos Camiños cara á catedral compostelá que percorren o territorio galego”.

 Así, ‘XacobeAndo’ contou entre os seus participantes con voluntarios chegados de Lituania, Estonia, Portugal, Eslovaquia, Grecia, Letonia, Italia e de localidades españolas. Estes realizaron durante o tempo que estiveron na nosa Comunidade actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaboraron en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.
 

Imaxes relacionadas