A Xunta incrementa o orzamento sanitario ata preto dos 5.000 millóns de euros, coas maiores subas nos fondos para Saúde Pública, Atención Primaria e formación de novos especialistas

A aposta pola Saúde Pública tradúcese nun incremento dun 17% do orzamento para estas políticas ata chegar aos 106 millóns de euros, que financiarán as ampliacións dos programas de vacinación e cribado, o inicio do Plan de Obesidade Zero, a dixitalización dos sistemas de saúde pública ou a posta en marcha do Centro Galego para o Control e Detección de Enfermidades

O programa de Atención Primaria sube un 9,9% ata superar por primeira vez na historia da autonomía os 1.500 millóns de euros e incorpora a creación de 134 novas prazas e melloras retributivas

Os fondos para formación sanitaria aumentan un 10,4% ata os 69 millóns de euros en resposta á necesidade de crear máis prazas formativas de medicina de familia para paliar o déficit de profesionais nesta especializada

A atención á saúde mental aumenta o persoal propio con 61 novas prazas, incrementa un 12% os fondos para o concerto de prazas con entidades sociais e garante os fondos para seguir apoiando programas destas entidades por máis de 1 millón de euros

O capítulo de investimentos, que supera os 430 millóns de euros, financiará actuacións en toda a rede hospitalaria pública, o desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria e a renovación do equipamento de diagnóstico, dos bloques cirúrxicos e das unidades de reprodución humana asistida
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu esta tarde, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para presentar os presupostos do departamento sanitario da Xunta, que acadarán en 2023, os 4.972 millóns de euros. Esta partida representa o 39% do total do gasto autonómico, rexistrando unha suba de 383 millóns respecto do vixente ano (incremento do 8,4%).

A Xunta mantén o seu compromiso coa sanidade pública galega, reforzando as dotacións económicas no conxunto dos seus ámbitos, e incorporando significativas subas nos ámbitos da Saúde Publica, a Atención Primaria, ou a formación de especialistas.

Dun xeito desagregado, e de acordo aos diferentes programas orzamentarios da sanidade pública galega, a maior suba prodúcese no ámbito da “Protección e promoción da saúde pública” cun ascenso do 17,1 % ata chegar case os 106 millóns de euros (15 millóns máis que o exercicio pasado). Este presuposto permitirá financiar as ampliacións dos programas de vacinación (ata os 28,8 millóns) e cribado, iniciar o Plan de Obesidade Zero, a dixitalización dos sistemas de saúde pública, ou a posta en marcha do Centro Galego para o Control e Detección de Enfermidades.

O segundo programa que experimenta unha maior medra nos orzamentos sanitarios do 2023 é o eido da formación de graduados e posgraduados, cunha suba do 10,4%, ata acadar os 69 millóns de euros (7,5M máis que o ano pasado). A Xunta de Galicia financiará o vindeiro ano a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia da Comunidade, co ánimo de dar resposta á necesidade de crear máis prazas formativas en medicina familiar e así paliar o déficit de profesionais nesta especialidade.

En canto aos dous niveis asistenciais da Sanidade galega, a atención primaria superará por primeira vez os 1.500 millóns de euros, tras ver incrementada a súa partida en 137,5 millóns, (un 9,9% máis respecto do 2022). Máis polo miúdo, este capítulo orzamentario posibilitará incorporar a creación de 134 novas prazas e implementar as melloras retributivas dos profesionais sanitarios, tras ser acordadas recentemente coas organización sindicais que forman parte da Mesa Sectorial.

Pola súa banda a atención hospitalaria tamén superará por primeira vez os 3.000 millóns de euros de orzamento, concretamente 3.228 millóns, ao rexistrarse unha suba do 7,7% (231 millóns máis que en 2022). Neste caso, o protagonismo desta dotación recae sobre a importante ampliación que o Executivo galego está a desenvolver na rede hospitalaria pública e no aumento de actividade para reducir lista de espera.

Ademais, no ámbito da investigación sanitaria rexistrase unha suba do 9’4% ata acadar os 5,7 millóns de euros, consolidando e ampliando por tanto a suba do 20% que experimentou nos primeiros orzamentos desta lexislatura.

Máis persoal e redución das listas de espera

O gasto en persoal increméntase en 112,8 millóns de euros, o que supón un 5,7% máis respecto do ano pasado, e co que se acadan os 2.083 millóns de euros. Deles, 576 millóns destinaranse aos profesionais de atención primaria, 34 millóns por riba do vixente orzamento.

O titular de Sanidade apuntou que unha das principais apostas no incremento do capítulo de persoal é a inclusión de 139 novas prazas de formación MIR e EIR, unha ampliación que supón un investimento de 3,8 millóns de euros.

Nesta liña, puxo en valor a aposta firme da Xunta de Galicia por formar máis profesionais “mentres a oferta total do Sistema Nacional de Saúde se incrementa nun 5% respecto do pasado ano, a galega sube nun 14,2%. Case o triplo” incidiu o conselleiro, ao tempo que lamentou que Galicia non poida incrementar máis o presuposto dedicado á formación, ao non cumprir o Ministerio de Sanidade co compromiso de mudar os criterios de creación de novas prazas.

García Comesaña remarcou que un dos principais obxectivos da Xunta para o vindeiro ano é reducir ao máximo as listas de espera, un labor para o que se porá en marcha un “programa de maximización da actividade asistencial”, e mediante o que se optimizará a capacidade dos quirófanos dos hospitais comarcais. A este fin dedicarase parte do aumento do capítulo de persoal do programa de atención hospitalaria, que medra un total de 66 millóns de euros.

No capítulo de persoal, tamén destaca o investimento de 3,5 millóns de euros para a creación de 134 novas prazas repartidas nas diferentes categorías da Atención Primaria; os 3,9 millóns que se destinarán ao financiamento das melloras retributivas acordadas para o persoal de atención primaria ou o incremento de 2,6 millóns para a dotación orzamentaria das 61 novas prazas previstas no Plan de Saúde Mental de Galicia en 2023.

Antes de pechar este apartado, o titular da carteira sanitaria da Xunta avanzou que, unha vez en vigor a reforma legal aprobada este mesmo mes para poder cubrir determinadas prazas vacantes polo sistema de concurso de méritos, o Executivo galego aprobará nos vindeiros meses os decretos coas correspondentes ofertas públicas de emprego para convocar, mediante este sistema, prazas nas categorías de: facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria; especialistas nas diferentes categorías da saúde mental, e diversas especialidade médicas nos hospitais comarcais.

Saúde mental e drogodependencias

Ademais das 61 novas prazas creadas para seguir desenvolvendo o Plan de Saúde Mental de Galicia, o conselleiro de Sanidade destacou tamén o incremento nun 12% (ata os 9,1 millóns) dos fondos para o concerto de prazas con entidades sociais e e incorporación de dotación suficiente para seguir mantendo a contía das convocatorias de axudas para programas destas entidades como as concedidas este ano por máis de 1 millón de euros.

En total, o capítulo de transferencias ás entidades sociais sen ánimo de lucro nos eidos das adicións, da saúde mental e do sociosanitario increméntanse un 18%, ata superar os 10 millóns de euros. Con este importe financiaranse con máis de 7 millóns de euros os convenios asinados anualmente no marco do Plan Galego de Asistencia ás Adicións, as axudas aos programas municipais de saúde pública para a prevención das adicións e das enfermidades de transmisión sexual e as convocatorias para entidades sociosanitarias.

Mellores infraestruturas sanitarias

O capítulo de investimentos, superará os 430 millóns de euros, tras rexistrar un incremento do 23% e co que se financiaran as actuacións en toda a rede hospitalaria pública, o desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria e a renovación do equipamento de diagnóstico, dos bloques cirúrxicos e das unidades de reprodución humana asistida.

Nomeadamente, no que atinxe aos investimentos en atención hospitalaria, este apartado incrementaranse tamén un 23%, ata achegarse aos 300 millóns. En concreto, 61,9 millóns empregaranse en afrontar a fase final do Novo Montecelo (2 millóns máis para o seu equipamento); 28,5 millóns para o Novo CHUAC; destinaranse 26,7 millóns para continuar coa obra do Plan director do Hospital de Ferrol e iniciar o proxecto da súa fase final; 19 millóns para as actuacións previstas no Hospital de Ourense; 8,6 millóns para a ampliación xa licitada do CHUS; 5,3 para as reformas co proxecto xa licitado de varias unidades do Hospital Pública Álvaro Cunqueiro de Vigo; e 1,6 millóns de euros para completar as obras licitadas no HULA para albergar novo equipamento.

En atención primaria, os investimentos acadan os 56 millóns, remarcando o titular de Sanidade, que se trata do “maior investimento en atención primaria dos últimos 15 anos”. Esta partida permitirá acelerar a construción dos Centros Integrais de Saúde de Lugo e Lalín, con 2,4 e 7,4 millóns de euros respectivamente, avanzar con 6 millóns na construción do de Vigo, e licitar con 3’4 millóns de euros o de Ourense

Así mesmo, os orzamentos sanitarios da Xunta tamén contemplan unha partida de preto de 20 millóns de euros para financiar o desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, avanzando nas obras de construción ou reformas dos centros de saúde de: O Porriño, Moaña, Abegondo, Antas de Ulla, Vilagarcía de Arousa, A Rúa ou Conxo (Santiago de Compostela). Ademais permitirá licitar os proxectos dos centros sanitarios de Soutomaior, Noia, Meis, Boborás, Muíños, Teo, Barro, Carballiño ou Mos e das reformas de Meira, A Milagrosa (Lugo), ou Outeiro de Rei, así como achegar a parte correspondente á Xunta do proxecto do edificio que albergará o novo centro de saúde de Santa Lucía e cuxa licitación corresponde ao concello, segundo o convenio asinado. O conselleiro sinalou que a partida contempla un fondo para poder licitar máis proxectos dos centros previstos no Plan no momento en que os concellos afectados resolvan os trámites pendentes para ceder as parcelas.

García Comesaña pechou a súa intervención no Parlamento subliñando que estes orzamentos sitúan á Sanidade pública como a “máxima prioridade” do Executivo galego, remarcando que hai un goberno que cre que “unha Galicia que medra, debe ter unha sanidade pública que medre na mesma medida”.

Imaxes relacionadas