O presidente galego reuniuse co alcalde ferrolán, Ángel Mato, no que foi o último dos encontros da rolda de contactos cos rexedores das principais cidades galegas

A Xunta comprométese co Concello de Ferrol a actuacións de mellora nos servizos públicos, saneamento, infraestruturas e dinamización industrial da cidade

Anuncia a ampliación da participación da Xunta no saneamento rural de Ferrol, ata un 70 % cun investimento de 8,4 M€ ata 2026

Avoga polo aumento de solo industrial para garantir o desenvolvemento deste sector en Ferrolterra

Considera prioritario que ambas administracións asinen canto antes o convenio para ampliación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide

Defende o traballo do Goberno galego xunto ao local na candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

Ferrol, 28 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiulle hoxe ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o compromiso do Goberno galego con esta cidade para levar a cabo actuacións que incidan na mellora nos servizos públicos; no saneamento da zona rural; no reforzo das infraestruturas de transporte e mobilidade; e na dinamización industrial para a creación de postos de traballo de calidade.

Así llo trasladou ao rexedor ferrolán no que foi o derradeiro dos encontros dentro da rolda de contactos do mandatario galego cos alcaldes das principais cidades e das que fixo un balance “positivo”. Rueda cualificou de “útiles” todas estas reunións polos importantes acordos que se alcanzaron e puxo en valor que se puideran celebrar cando “se está en plena elaboración dos Orzamentos”.

A Xunta triplica a súa participación no saneamento

Nesta liña de acordos salientou os acadados en materia de saneamento cos concellos, tamén hoxe co de Ferrol. Así, lembrou que, entre todas as Administracións, lévanse investidos nesta cidade “máis de 250 millóns de euros, 115 millóns provenientes da Xunta” para a mellora da calidade das augas nas marxes norte e sur da ría de Ferrol.

No entanto, admitiu que o chanzo por subir en materia de saneamento é o correspondente ás zonas rurais, “no que aínda hai moitas actuacións por executar”, apuntou.

En todo caso, Rueda incidiu na achega autonómica en materia de saneamento en Ferrol, xa que destacou que se incrementará a participación da Xunta ata o 70 %. Así, precisou que nos Orzamentos de 2023 recóllese un investimento de 8,4 millóns de euros ata o 2026 para poder completar as infraestruturas hídricas da ría de Ferrol.

Tamén no eido de mellora de servizos públicos, o presidente galego referiuse ás instalacións deportivas da cidade, sobre as que recoñeceu que “fai falta facer unha reparación”. Neste senso, Rueda informou de que se lle propuxo ao Concello de Ferrol que presente un plan para estas actuacións “co compromiso de que a Xunta aporte un terzo do seu custo”.

Parque empresarial de San Pedro de Leixa ou Mandiá

En materia de dinamización industrial da cidade, Rueda considerou necesario “facer todo posible” para asegurar este dinamismo que, ao seu entender, pasa por dispoñer de solo industrial. Neste eido, lembrou a aposta da Xunta polo parque empresarial de San Pedro de Leixa, pero non descartou a proposta do Concello de Ferrol por facer uso dos 150.000 metros cadrados que se vai a dispoñer na Plataforma de Mandiá.

“O que lle interesa a Xunta é que Ferrol teña solo industrial e estamos abertos a posibilidade de consideralo e imos ver cal das dúas é mellor e tirar pola máis conveniente”, adiantou.

Rueda tamén se referiu á proposta do Concello de Ferrol dun Clúster Industrial da defensa e de localizalo na cidade. O presidente da Xunta considerouna unha “boa idea e moi intelixente” e amosou o apoio da Administración galega se as empresas vencelladas con este sector –“que son moi potentes e punteiras” – deciden asociarse.

Candidatura Patrimonio de Humanidade

En canto á candidatura de Ferrol á Patrimonio da Humanidade, Rueda puxo en valor o bo traballo do Concello e Xunta para a súa consecución e considerou unha “boa nova” a implicación do Ministerio de Defensa.

Ademais, remarcou o feito de que se conta con tempo para preparar esta candidatura e garantiu que a Xunta está totalmente implicada para aportar a colaboración necesaria co obxecto de conseguir que “saia adiante”.

Transporte e mobilidade

No encontro tamén se abordou o feito de que Ferrol sexa a día de hoxe a única cidade de Galicia na que aínda non ten un horizonte claro para a sinatura do convenio da Estación intermodal. Por este motivo, o mandatario galego valorou que o Concello se comprometese a reclamar coa Xunta unhas infraestruturas ferroviarias “dignas”, tanto as que levan á Coruña como as de vía estreita que unen a Cornixa Cantábrica. “O mapa ferroviario de Galicia non estará completo mentres que as cidades de Lugo e Ferrol teñan as conexións que teñen actualmente”, denunciou.

Ampliación complexo hospitalario e novo centro de saúde

Na liña de servizos sanitarios, situou como prioritario que o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia asinen canto antes o convenio para a ampliación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide, de xeito que a Administración autonómica poida licitar a fase final das obras xa no 2023. Neste senso, explicou que hai unha cantidade importante orzamentada pola Xunta para seguir desenvolvendo unha a segunda fase do complexo hospitalario, pero considerou necesaria -como fan outros concellos- que Ferrol asuma a compensación do Imposto de Bens Inmobles (IBI).

Neste mesmo campo, Rueda transmitiu a necesidade de dispor unha parcela para construír un novo centro de saúde no barrio de San Xoán para o que existe xa unha proposta veciñal e a Xunta ten reservada unha partida orzamentaria.

Esforzo importante na mellora de estradas

En materia de mobilidade, Rueda trasladoulle ao alcalde o “esforzo importante” na mellora da rede viaria de Ferrol. Así, apuntou a aprobación da contratación das obras da segunda fase da estrada AC-862, ata o concello de Ortigueira, na que a Xunta investirá 7,5 millóns de euros. E tamén lle informou de que nos Orzamentos de 2023 incorporarase un investimento de 8 millóns de euros no treito de San Sandurniño-Sanguiñeira da VAC Costa Norte.

 

Imaxes relacionadas