O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou en Lugo na clausura da asemblea xeral extraordinaria de Lugo madera

Galicia consolídase na corta de madeira a nivel nacional con preto de 9 millóns de metros cúbicos alcanzados no que levamos de 2022

José Luis Chan destacou que o obxectivo de futuro para o sector forestal galego é superar os 10,9 millóns de metros cúbicos de corta de madeira industrial na nosa comunidade

Sinalou que a Xunta traballa na diversificación do monte galego, a través dos plans estratéxicos do castiñeiro e do piñeiro, e na aposta pola dixitalización e a descar-bonización

Lembrou que están orzamentados 23 millóns repartidos entre 2023 e 2024 para novas plantacións, accións silvícolas de prevención, primas de mantemento e res-tauración de soutos, entre outras

Lugo, 28 de outubro de 2022

Galicia consolídase na corta de madeira a nivel nacional con preto de 9 millóns de metros cúbicos alcanzados no que vai de ano, co obxectivo de futuro posto para o sector forestal en superar os 10,9 millóns de m³ de madeira industrial na nosa comunidade. Así o destacou esta mañá o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, durante a clausura da asemblea xeral extraordinaria de Lugo madera.

 

Durante o acto, o director xeral salientou que esa suba no volume de cortas de madeira suporía incrementar a facturación da cadea monte-industria nun 8%, ata acadar os 2.700 millóns de euros anuais, e chegando aos 25.000 postos de traballo.

 

Para iso, o director xeral avogou porque o sector forestal afonde no seu carácter “responsable, transparente e maduro”, no sentido de apostar por unha xestión forestal activa, pero sustentable, baseada nun monte multifuncional e con futuro. Neste contexto, indicou tamén que se segue a traballar na diversificación do monte galego, a través dos plans estratéxicos do castiñeiro e do piñeiro, que consolidan esta diversificación cunha aposta pública importantísima.

 

De feito, a Xunta está apostando pola xestión forestal sostible e, só neste último ano, ordenáronse 100.000 novas hectáreas, acadando as 500.000 ha actuais. Así mesmo, o director destacou que se veñen de superar as 400.000 ha certificadas, preto da metade en montes de xestión pública.

 

Doutra banda, Chan lembrou que a Xunta ten aprobado ou en proceso de aprobación máis de 18 millóns de euros en axudas para aumentar en 2022 e 2023 as plantacións e as accións silvícolas en masas de coníferas e de frondosas caducifolias, para primas de mantemento das superficies forestais e para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. A ese montante, hai que engadir outros 23 millóns repartidos entre 2023 e 2024 para novas plantacións, accións silvícolas de prevención, primas de mantemento e restauración de soutos, entre outras.

 

Ademais, José Luis Chan enmarcou estas ideas na descarbonización e no pacto verde europeo, a bioeconomía e a economía circular, como guías desa xestión forestal. Así, puxo en valor, ademais, o labor desenvolvido ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “cara a neutralidade carbónica”, con iniciativas como a tramitación telemática das cortas, a simplificación administrativa destes procesos, o Observatorio forestal ou a detección satelital das cortas, entre outras.

 

E, dun xeito especial, o director xeral puxo en valor o Inventario Forestal Continuo de Galicia, un traballo significativo por coñecer e informatizar todas as hectáreas da nosa comunidade, mediante mapas precisos que permitan coñecer a dispoñibilidade real e o potencial do recurso para facer uso del e continuar producindo. De feito, o novo portal web que se acaba de publicar converterase nun medio informático realmente efectivo, especialmente a medida que se vaia trasladando toda a información que as universidades galegas están a producir.

 

Por último, José Luis Chan destacou a potencialidade e o éxito da liña de axudas, con preto de 2,6 millóns de euros, posta en marcha por parte da Axencia Galega da Industria Forestal para impulsar precisamente a madeira como elemento estrutural na construción, co impulso ao recurso endóxeno con marca de garantía de calidade “Pino de Galicia”.

 

Datos desglosados cortas de madeira

Analizando o volume de cortas de madeira actuais, cómpre destacar que a provincia da Coruña aglutina 3.902 millóns de metros cúbicos, seguida moi de preto por Lugo con 3.493 millóns, Pontevedra con 1.106 millóns e Ourense con 360 millóns de metros cúbicos.

 

Isto supón que foron concedidos preto de 47.000 expedientes de cortas de madeira a particulares, dos cales case 14.000 foron autorizacións e 33.000 declaracións responsables. En canto a especies, un total de 5.087 millóns de metros cúbicos proveñen de plantacións de eucalipto e 3.471 millóns de m³ de piñeiros (radiata, sylvestris e pinaster).

Imaxes relacionadas