A Xunta e organizacións sindicais acordan o desenvolvemento da traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, presidiu hoxe a mesa sectorial

A iniciativa supón unha mellora con respecto ao acordado no ano 2020 e vai beneficiar 2.700 traballadores públicos

O Goberno galego destina o vindeiro ano 5,7M€ aos pagamentos vinculados ao desenvolvemento da traxectoria profesional

Na xuntanza tamén se abordou a modificación da relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia (imelga) e das oficinas fiscais

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

A Xunta e as organizacións sindicais Sindicato Profesional de Justicia (SPJ-USO), Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza (STAJ), Unión General de Trabajadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CCOO) acordaron hoxe no marco da mesa sectorial o desenvolvemento da traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, que vai beneficiar 2.700 traballadores públicos. Pola súa banda, Alternativas na Xustiza (AXG-CUT) decidiu non votar ata sometelo á súa asemblea.

 

O acordo pechouse hoxe na xuntanza presidida polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e supón un incremento respecto do acordado en 2020 de algo máis de 1,3M€ para este ano e de 1,2M€ para 2023. Con estes aumentos, o Goberno galego destinará o vindeiro ano 5,7M€ aos pagamentos vinculados ao desenvolvemento da traxectoria profesional.

 

Deste xeito, antes de que finalice este ano abrirase unha nova convocatoria para que o persoal funcionario de carreira e interino ao servizo da Administración de Xustiza poida solicitar un novo grao da traxectoria profesional. Permíteselle así a estes traballadores avanzar na traxectoria profesional e mellorar as condicións económicas. Para a súa efectividade, o acordo debe ser aprobado polo Consello da Xunta e publicado no Diario Oficial de Galicia.

 

Con esta medida o Goberno galego mellora, a falta da regulación estatal da carreira profesional por Real Decreto, o acordado en 2020 que establecía o sistema de carreira profesional do persoal da Administración de Xustiza galega. O avance supón o recoñecemento da progresión na traxectoria profesional, e mellora tanto as anualidades como as porcentaxes dos complementos retributivos, que acadarán o 100% entre os anos 2024 e 2025, en función dos grupos profesionais.

 

O obxectivo é seguir a avanzar no desenvolvemento da traxectoria profesional, co compromiso firme da Xunta de Galicia con este persoal de corpos nacionais. Cómpre  salientar que desde 2009 o cadro de persoal da Administración de Xustiza en Galicia medrou un 20%. Así, tras a aprobación de 57 novas prazas en 2022, para o vindeiro ano está xa prevista a creación doutras 24 prazas para dotar do persoal necesario os tres novos xulgados que se porán en marcha o próximo ano na comunidade, os xulgados de Primeira Instancia nº6 de Lugo, nº15 da Coruña e nº16 de Vigo.

 

Modificación da relación de postos de traballo

Na mesa sectorial desenvolvida hoxe abordáronse tamén outros temas de importancia, como a modificación da relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e das oficinas fiscais. Estes cambios supoñen a integración na estrutura destas unidades das 11 novas prazas creadas neste ano pola Xunta nas oficinas fiscais e de catro novas prazas no Imelga, dúas delas creadas en 2022.