Fernández-Tapias apoia as demandas da Policía Nacional para o aumento da plantilla en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou nos actos programados pola Confederación Española de Policía na cidade para celebrar a súa asamblea rexional

“A maior cidade de Galicia precisa máis efectivos da Policía Nacional, pero o Goberno central tamén ten pendente o aumento de 150 efectivos da Policía Autonómica”

Vigo, 28 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres nos actos da Confederación Española de Policía (CEP) na cidade, onde celebrou a súa asamblea rexional. Nunha recepción celebrada no Centro Cultural e Veciñal de Valadares, a representante autonómica apoiou as demandas do sindicato policial sobre a mellora dos medios materiais dos que dispoñen e do aumento da plantilla na Comisaría viguesa.

 

A maior cidade de Galicia precisa máis efectivos da Policía Nacional, pero o Goberno central tamén ten pendente o aumento de 150 efectivos da Policía Autonómica”, destacou durante a súa intervención.

 

Fernández-Tapias tamén respaldou a necesidade de aprobar a Lei de Retribucións da Policía para que exista unha “equiparación salarial” en todo o territorio nacional e apoiou a iniciativa lexislativa popular contra o copago farmacéutico que teñen que afrontar os axentes xubiliados.

 

Tras o nomeamento da nova directiva rexional, a Confederación Española de Policía premiou a tres periodistas vigueses pola súa colaboración na divulgación do traballo policial, e ofreceu unha homenaxe ao inspector Juan Bautista Sanmiguel que se xubila.

Imaxes relacionadas