O conselleiro do Medio Rural participou nun encontro con representantes do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, no que escoitou as súas suxestións e inquietudes

A Xunta destina máis de 5 M€ a impulsar o uso da madeira como elemento estrutural na construción e para fomentar a dixitalización e innovación das pemes do sector forestal

José González reafirmou o compromiso do Goberno galego con este eido produtivo a través de medidas de fomento, ordenación e promoción da súa actividade

Puxo en valor a integración da Axencia Galega da Industria Forestal na Consellería do Medio Rural, como mostra do interese da Xunta por apoiar, no seu conxunto, a toda a cadea monte-industria

Enmarcou este esforzo nos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira que, á súa vez, se integran baixo o paraugas do Plan Forestal, como folla de ruta para o futuro do sector

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

A Xunta destina máis de cinco millóns de euros para impulsar o uso da madeira como elemento estrutural na construción e para fomentar a dixitalización e a innovación das pequenas e medianas industrias do sector. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González nun encontro con representantes do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia no que escoitou as súas suxestións e inquietudes para avanzar na mellora deste eido produtivo, clave para o rural da nosa comunidade. Unha xuntanza na que González estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

 

Nesta reunión, o conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta co sector forestal de Galicia. Así, en primeiro lugar, puxo en valor a integración da Axencia Galega da Industria Forestal na Consellería do Medio Rural, como mostra do interese do Goberno galego por apoiar, no seu conxunto, a toda a cadea monte-industria mediante medidas de fomento, ordenación e promoción da súa actividade.

 

Liñas de axudas

Neste mesmo sentido, puxo como exemplo a recente convocatoria dunha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción, dotada con 2,6 millóns de euros. Salientou ademais as axudas recentemente convocadas para fomentar a dixitalización e a innovación das pequenas e medianas industrias do sector, así como das súas organizacións. Estas achegas teñen un orzamento de 2,5 millóns de euros, polo que, sumadas ás  destinadas a fomentar o uso de madeira na construción, supoñen un esforzo investidor que supera os cinco millóns de euros, a executar neste ano e no próximo, tal como resaltou o conselleiro.

José González enmarcou todo este esforzo nos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira que, á súa vez, se integran baixo o paraugas do Plan Forestal, como folla de ruta para o futuro do sector. O titular de Medio Rural atendeu tamén as demandas do cluster en relación coa dispoñibilidade dos recursos forestais. Neste sentido, González comprometeuse a seguir traballando a prol da mellora da competitividade, a mobilización do recurso, a sanidade forestal ou a creación conxunta de plataformas colaborativas que poñan en contacto a expertos, prescritores, instaladores e fabricantes de produtos de madeira.

 

Outros asuntos tamén abordados neste encontro foron a necesidade de favorecer o incremento e mellora da man de obra forestal -mediante posibles incentivos e por medio do impulso á formación- de continuar avanzando na redución de trabas burocráticas na relación do sector con todas as administracións públicas (tamén as locais e provinciais) ou de seguir incidindo na creación de valor, mercado e innovación por parte da Axencia Galega da Industria Forestal, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas