A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou con representantes do sector ferroviario de CCOO a situación do ferrocarril na comunidade

A Xunta traslada o apoio ás propostas de CCOO para reforzar os servizos de tren de proximidade e advirte que non apoiará nunca a supresión de servizos

Vázquez Mourelle salienta que a Xunta volverá dirixirse á Delegación do Goberno en Galicia para abordar as solicitudes de reforzo dos servizos de curta distancia e a coordinación coas expedicións de autobús para acadar a intermodalidade

A Xunta e a sección ferroviaria de CCOO apostan por obter un maior rendemento social dos recursos e infraestruturas xa existentes: “rodemos co que temos”

A conselleira advirte de que anteproxecto de Lei de Mobilidade do Ministerio de Transportes aposta por suprimir os servizos ferroviarios de media distancia nos territorios pouco poboados e substituílos por liñas de autobús autonómico
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

A Xunta trasladou hoxe o seu apoio ás propostas da sección ferroviaria de CCOO para reforzar os servizos de tren de proximidade e advirte que non apoiará nunca a supresión de servizos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou hoxe con representantes do sector ferroviario de CCOO a situación do ferrocarril na comunidade, no marco da interlocución permanente que se vén mantendo.

Vázquez Mourelle salientou que a Xunta volverá dirixirse á Delegación do Goberno en Galicia coa esperanza de atopar desta vez unha maior dispoñibilidade a escoitar as propostas sobre os servizos de proximidade.

A ese respecto, a Xunta e a sección ferroviaria do sindicato apostaron tamén por obter un maior rendemento social dos recursos e infraestruturas ferroviarias existentes: “rodemos co que temos”, reclamaron.

Manifestou que a Xunta está rotundamente a favor de que se repoñan e se reforcen os servizos ferroviarios de curta distancia na comunidade e de que se combinen e complementen axeitadamente coas expedicións de autobús, no camiño da intermodalidade, pero advertiu de que non aceptará ningunha supresión de servizos.

Sen embargo, recordou que o Ministerio de Transportes presentou hai uns meses un anteproxecto de Lei de Mobilidade que aposta por suprimir a meirande parte dos servizos ferroviarios de media distancia nos territorios pouco poboados, como o interior de Galicia, e substituír eses trens por servizos de autobús autonómicos.

Reiterou que se o modelo de transporte de cercanías que ten o Goberno de España consiste en suprimir servizos de tren e substituílos por autobús, a Xunta non pode aceptalo en modo algún.

Subliñou que Galicia ten un servizo de transporte por autobús renovado, completo e competitivo, que funciona grazas a unha achega de recursos públicos de 90 M€, consignados nos Orzamentos da Xunta para 2023.

Neste sentido, concretou que o mapa de autobuses quere ofrecer unha oferta de servizos de transportes máis completa que se combine co ferrocarril, non que o substitúa.

Lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 non recollan recursos para implantar un reforzo dos servizos ferroviarios en Galicia, onde continúa sen repoñerse a totalidade dos servizos ferroviarios anulados por mor da pandemia.

Actualmente funciona só o 85% dos servizos entre Ourense-Santiago e A Coruña e o 90% dos trens do Eixo Atlántico, sendo máis preocupante a situación na liña Ferrol-A Coruña, en Vigo-Ponferrada ou en Ourense-Carballiño.

Dadas estas circunstancias, reiterou a necesidade de recuperar, manter e reforzar servizos, pero instou ao Goberno central a acometer as actuacións e investimentos para garantir a competitividade da rede ferroviaria: modernizando a liña Ferrol-A Coruña; reparando a liña do Miño; e desenvolvendo a liña Vigo-Porto, comezando pola Saída Sur de Vigo.

Imaxes relacionadas