A nova Axenda da Minaría de Galicia incentivará a modernización tecnolóxica e o desenvolvemento sustentable do sector

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou no Porriño as instalacións de Grupo Levantina, referente na industria do granito

Apunta que na nova folla de ruta para o sector, dotada con 32 millóns de euros de cara ao 2024, “apostamos por unha minaría sostible, que ao mesmo tempo se moderniza, se profesionaliza e incrementa a súa formación, e desenvolve proxectos de innovación”

O Porriño (Pontevedra), 28 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño as instalacións de Grupo Levantina, unha empresa que, tal e como subliñou, “é unha referencia no sector do granito, non só en Galicia senón en España, xerando valor cun produto de moita calidade”.

 

O vicepresidente económico puxo de relevo o liderado do sector do granito galego en España, apuntando que “temos que saber coidalo e impulsalo a través da modernización e da innovación”. Neste sentido, Conde subliñou que o sector galego da minaría xera máis de 4.000 empregos, e lembrou que está en marcha a nova Axenda da Minaría Sustentable de Galicia, que onte se presentou no Consello da Xunta e que está dotada con 32 millóns de euros de cara ao 2024.

 

“Temos que seguir impulsando este sector para que realmente a través da produción mineira teñamos un activo importante de xeración de emprego e tamén de xeración de valor noutros sectores produtivos que están demandando moitos dos materiais que se están producindo en Galicia”, subliñou o responsable de Economía, Industria e Innovación.

 

A nova folla de ruta é froito dun traballo consensuado co sector que busca dar resposta ás súas necesidades en materia de tecnoloxía e formación. Por iso contempla incentivos para as pemes galegas en materia de modernización tecnolóxica e no eido da sustentabilidade e a seguridade laboral; novos ciclos formativos como o da pedra natural; e a dixitalización en todo o relativo á parte administrativa, para favorecer a tramitación de proxectos e a accesibilidade. Segundo salientou Conde, “apostamos por unha minaría sostible, que ao mesmo tempo se moderniza, se profesionaliza e incrementa a súa formación, desenvolvendo tamén proxectos de innovación”.

 

Un dos materiais nos que Galicia destaca é o granito, sendo a industria galega do granito a segunda máis importante de España e a quinta a nivel internacional. De feito, no Porriño está a canteira de granito rosa máis importante do mundo, de onde se extraen 250.000 toneladas de bloques cada ano. O 8% da produción mineira de España sae de Galicia, que é líder nacional tamén en lousa, cuarzo e rochas ornamentais.