A Xunta formará en materia de disciplina urbanística a 150 funcionarios autonómicos e técnicos municipais

Trátase da segunda edición deste curso, que organiza a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública
 

O período para solicitar praza para participar finaliza o vindeiro 4 de novembro
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022 A Xunta impartirá este mes en Santiago un novo curso sobre disciplina urbanística cun total de 150 prazas dispoñibles e dirixido particularmente a persoal técnico e xurídico especialista tanto da Administración galega como das entidades locais.

 

A actividade formativa, que se celebrará de forma presencial os días 14, 15 e 16 de novembro, está organizada pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco dun convenio de colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para garantir a formación continua do persoal ao servizo das Administracións públicas.

 

Trátase da segunda edición deste curso, que se celebrou o ano pasado por primeira vez con gran éxito de participación. O prazo para poder participar permanecerá aberto ata o venres, 4 de novembro, e ao igual que en 2021 as solicitudes deberán presentarse de forma telemática a través do formulario de matrícula dispoñible na páxina web da EGAP.

 

Baixo o título Cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística, esta edición porá o foco sobre todo na especial transcendencia práctica dalgunha das novidades normativas máis salientables da Lei do solo de Galicia así como no relativo ás edificacións en situación de fóra de ordenación ou o réxime das edificacións tradicionais en solo rústico ou de núcleos rurais.

 

Ademais, e como novidade este ano, está prevista a participación como ponentes durante o curso de representantes doutras entidades con competencias sectoriais que inciden sobre a ordenación territorial e urbanística e tamén se contará con especialistas na materia procedentes do eido da maxistratura e da universidade para poder coñecer a súa visión respecto dos asuntos a tratar.

 

Aínda que terá prioridade para participar o persoal da Xunta e das administracións locais adheridas á APLU que traballan e desenvolven labores relacionados co urbanismo, tamén poderá anotarse calquera empregado público interesado na materia, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

Imaxes relacionadas