A Xunta salienta en Vigo que a mobilidade sostible e eficiente está chamada a ser impulsora da competitividade da automoción galega

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, inaugurou en Vigo o laboratorio de ideas ‘Retos da automoción a nivel global’

Vigo, 27 de outubro de 2022 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, inaugurou esta tarde en Vigo o laboratorio de ideas Retos da automoción a nivel global, onde destacou que a mobilidade sostible e eficiente está chamada a ser un dos elementos que impulsará a competitividade da automoción galega.

 

A secretaria xeral subliñou que, nesta época de grandes transformacións, a automoción ten que apostar por un cambio de paradigma na que se enfrontará a retos como a eliminación dos motores de combustión, a renovación do parque de vehículos, a innovación, a dixitalización da cadea de valor e a aposta por unha nova mobilidade sostible e eficiente.

 
Neste sentido, lembrou que a Xunta vén de ampliar o orzamento do programa Moves III ata os 40,5M€ para apoiar tanto a adquisición de vehículos eléctricos como a instalación de puntos de recarga. Tamén se referiu á oportunidade que os fondos europeos Next Generation supoñen para modernizar o tecido industrial, polo que solicitou ao Goberno central colaboración a través dunha asignación áxil e descentralizada das axudas. Colaboración que tamén pediu en forma de infraestruturas enerxéticas, como a subestación eléctrica en Balaídos, co obxectivo de blindar a competitividade industrial.