O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades presenta ante o Parlamento as contas do seu departamento para 2023, que acadan os 2.896M€, un 5,2% máis

A Xunta abre mañá o concurso de méritos para 1.156 prazas de educación, Consellería cuxo orzamento acada o máximo histórico por terceiro ano consecutivo

Román Rodríguez informa que os Orzamentos do seu departamento están enfocados á consolidación do crecemento e a mellora tanto no ámbito educativo coma cultural desde “unha marcada perspectiva social”
 

Destaca as partidas que blindan o apoio ás familias, cun bloque de axudas directas de 33,5M€ “para que non lles impacten os sobrecustos e a inflación”
 

Sinala que Galicia inviste cada día lectivo 1M€ en transporte e comedor escolar
 

O capítulo de gastos de persoal acada os 1.659M€, para atender o incremento retributivo do profesorado, así como a contratación de máis docentes para a pota en marcha de novos programas vinculados ao benestar, á transformación dixital e á Formación Profesional
 

O departamento de FP disporá dun 52% máis de fondos cos cales se reforzará a ampliación da oferta e a creación dunhas novas 4.500 prazas
 

As contas recollen un máximo histórico de transferencias ás universidades, cun financiamento por alumno moi superior á medida estatal
 

O conselleiro anuncia o Plan Xeración Cultura, con fondos propios para proxectos presentados polo sector no marco do proceso conxunto de elaboración da candidatura do PERTE

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia abrirá mañá o concurso de méritos para a estabilización de 1.156 prazas docentes no sistema educativo galego, tal e como informou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na súa comparecencia ante a Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.

 

Así pois, o Diario Oficial de Galicia recollerá este venres esta convocatoria extraordinaria para avanzar na estabilización do profesorado galego, un proceso que, segundo explicou o conselleiro, prevese que remate na primeira metade do vindeiro ano. Posteriormente, a Consellería convocará o concurso-oposición fixado na norma estatal para outras 125 prazas docentes, polo que “no seu conxunto suporá que no ano 2023 teñamos 1.281 novas prazas de profesores funcionarios”, explicou.

 

“Imos ser a primeira comunidade en rematar co proceso de extraordinario de consolidación de emprego e xa, en 2024, seremos tamén os primeiros en retomar os procesos ordinarios de oferta de emprego público, o que nos consolida coa taxa de interinidade moi por debaixo do resto do país e do que demanda o Goberno do Estado”, abondou.

 

Accións con perspectiva social

No que atinxe ao global das contas orzamentarias, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestionará o vindeiro ano un total de 2.895,6M€, a partida máis alta da historia e que, ademais, acada o seu máximo histórico por terceiro ano consecutivo. Trátase de 142,8M€ máis ca no presente exercicio e cunha suba do 5,2% coa que a Consellería vai seguir implementando plans e estratexias tanto no ámbito educativo coma universitario, cultural e patrimonial enfocados á consolidación do crecemento e mellora e, sobre todo, cunha marcada perspectiva social para axudar a paliar as consecuencias da actual crise económica.

 

Atendendo a esta liña, é precisamente o capítulo I (de gastos de persoal), o que absorbe a meirande parte do orzamento, con 1.659,1M€ para facer fronte ao incremento retributivo do profesorado así como á creación de novas prazas de persoal funcionario e á contratación de máis docentes para atender as necesidades derivadas da posta en marcha de novos programas vinculados ao benestar, á transformación dixital e á Formación Profesional. Isto permite, entre outros, avanzar na renovación do plantel docente que desde 2016 supuxo a incorporación de 14.072 novos docentes ao sistema educativo, cun ritmo que se foi acelerando nos últimos anos.

 

Incremento de axudas directas ás familias

Na súa intervención, Román Rodríguez fixo especial fincapé nas partidas orzamentarias que blindan o apoio ás familias” de xeito que os subrecustos e a inflación non lles impacte, cun bloque de axudas directas que acada os 33,5M€, un 37% máis. Referiuse en concreto ás liñas para libros de texto dotada con 23M€ (un 21% máis) e para material escolar con 10,5M€ que permite ampliar de 95.000 a 140.000 o número de beneficiarios así como subir a contía de 50 ata 75€. A isto engádense os investimentos para garantir o funcionamento de servizos complementarios de transporte e comedor, nos que “Galicia inviste cada día lectivo 1 millón de euros”, subliñou o conselleiro.

 

No caso concreto do transporte escolar, acada os 120M€, o que, segundo sinalou o conselleiro, “supón que a Xunta inviste cada dia lectivo 700.000 euros en transportar a máis de 80.000 alumnos”.

 

A partida para o comedor escolar medra un 6,8% ata acadar os 51,2M€ para atender a 62.000 alumnos na rede de comedores da Xunta, e dos cales, máis do 80% empregan este servizo de xeito gratuíto ou pagando tan só 1 euro por menú. A maiores, destínanse 1,2M€ en concepto de axudas a comedores xestionados por anpas.

 

Así mesmo destínanse 70,5M€ para gastos de funcionamento dos centros educativos, cun incremento do 7,6% para que poidan afrontar a suba de custos do actual contexto inflacionista.

 

Innovación ao servizo da equidade e a inclusión

Por outra parte, o conselleiro sinalou que as contas do vindeiro ano permitirán seguir impulsando e implementando accións clave de innovación educativa enfocadas a garantir e preservar a calidade, a equidade e a inclusión que caracteriza ao sistema educativo galego. Neste senso referiuse ao Plan Edulingüe 2030, de aprendizaxe de linguas estranxeiras, ou o EduDixital 2030 a través do cal se porá en marcha, por primeira vez en 2023, un procedemento para a acreditación da competencia dixital do alumnado. Tamén sinalou a posta en marcha da nova Estratexia de Inclusión 2025 para avanzar na atención á diversidade e a convivencia, a aposta pola innovación educativa a través do Centro de Innovación Educativa e Dixital como polo tractor neste eido ou o novo Plan Lía de Bibliotecas Escolares.  

 

Ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, con 67,2M€ en 2023, desenvolveranse actuacións destacadas como a construción do novo instituto de Navia (cun investimento de 14M€), do novo colexio de Milladoiro (Ames) con 9M€, a ampliación de centros como os institutos Pedro Floriani (Redondela), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Ferro Couselo (Ourense), Pedras Rubias (Salceda de Caselas), ou o colexio Agro do Muíño (Ames) ou rehabilitacións como as do Valle Inclán (Pontevedra) ou o Lucus Augusti (Lugo).

 

Tamén se inclúen obras específicas de centros de Formación Profesional como as ampliacións do Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa) e do Antón Losada Diéguez (A Estrada), a rehabilitación do Carlos Oroza (Pontevedra), da Farixa (Ourense) ou do Chamoso Lamas (O Carballiño),entre outros. A isto engádese un plan específico de eficiencia enerxética en centros educativos para acadar infraestruturas más sostibles e eficientes.

 

Suba de máis do 50% de recurso para a FP

O departamento de Formación Profesional xestionará un orzamento de 19,5M€, cunha suba de case o 52% que representa o maior crecemento porcentual de todas as unidades da Consellería e que permitirá o impulso destas ensinanzas coa creación de 4.500 novas prazas e o desenvolvemento de plans territorializados e especializados desde o punto de vista da oferta.

 

O conselleiro Román Rodríguez explicou que se seguirá priorizando a ampliación de centros e de ciclos con oferta plurilingüe e a oferta Dual, así como impulsando o Programa de acreditación de competencias profesionais. Este último conta cunha partida específica de 3,6M€ co obxectivo de beneficiar a unhas 15.000 persoas.

 

Tamén se impulsará a lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta e se convocarán novas axudas para as escolas de música públicas de titularidade municipal.

 

Máximo histórico de transferencias ás universidades

No eido universitario, os orzamentos medran un 9,6% e recollen unha partida de 489,3M€ para afrontar a segunda anualidade do Plan de Financiamento Universitario 22-26, o que supón acadar un máximo histórico nas transferencias ás universidades por parte da Xunta. 

 

Esta contía permitirá seguir avanzando nos obxectivos marcados de que a inflación non repercuta nas familias coa conxelación das taxas universitarias por duodécimo ano consecutivo, a mellora do mapa de titulacións (coa incorporación de novos máster e graos), a aposta polos centros de investigación e os campus de especialización e, sobre todo, a consolidación das partidas destinadas á I+D+i. Estas últimas medran un 13,7% ata acadar os 89,8M€ e rexistran un crecemento acumulado do 40% nesta lexislatura.

 

A día de hoxe, segundo indicou o conselleiro, as universidades galegas “están recibindo un financiamento por alumno moi superior á media nacional, e Galicia sitúase no terceiro posto en esforzo financeiro entre as comunidades”.

 

Plan Xeración Cultura

No que atinxe ao apartado de Cultura, Román Rodríguez expresou que Galicia tamén “camiña con solidez”, cun orzamento que supera os 104 millóns de euros, un 8,5% máis que o ano pasado. Tras ter superado o máis duro da pandemia, as contas do vindeiro ano permitirán impulsar programas para avanzar na reactivación e crecemento das industrias culturais e creativas galegas.

 

Neste sentido, o conselleiro anunciou unha das principais medidas do vindeiro ano no eido cultural, que xurde para dar resposta á ausencia de apoio do Goberno central ao PERTE Cultural proposto pola Xunta. Trátase do Plan Xeración Cultura, que terá fondos propios do Goberno autonómico para facer posible implantar proxectos presentados polo sector no marco do proceso conxunto de elaboración da candidatura do PERTE. 

 

Román Rodríguez tamén salientou que as contas atenderán a todos os sectores (musical, audiovisual, artes escénicas e plásticas...), que verán reforzado o seu apoio. Neste sentido, anunciou a creación dun novo programa de internacionalización e dixitalización do sector literario de Galicia e avanzou o inicio do desenvolvemento do plan de danza así como o arranque das xestións para a posta en marcha da Galicia Film Commission.

 

O Goberno autonómico tamén porá o foco en reforzar o acceso á cultura da cidadanía a través dos museos, bibliotecas e arquivos. Por iso, indicou que as contas incluirán a ampliación do programa de Bibliotecas Móbiles para estender estes servizos ao rural así como o aumento do investimento das actividades dos museos de xestión da Xunta. No que atinxe á Fundación Cidade da Cultura, Román Rodríguez trasladou que neste exercicio se comezará a desenvolver o novo Centro de Artes Dixitais.

 

Axudas ao patrimonio etnolóxico

Os orzamentos do eido do patrimonio acadan os 22M€, cunha suba do 27% que permitirá seguir levando a cabo obras de conservación en bens destacados, continuar coas accións deseñadas ao abeiro do Plan Catedrais e do Plan Ribeira Sacara e a dixitalización de fondos arquivísticos de bens de interese cultural. Así mesmo, dentro do Plan Xeración Cultura, abrirase unha nova convocatoria de axudas para a conservación do patrimonio etnolóxico e crearase o Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural.

 

No ámbito da Política Lingüística, os orzamentos da Consellería permitirán seguir reforzando a extensión do uso da lingua no eido tecnolóxico, co Proxecto Nós de intelixencia artificial, e á mocidade co desenvolvemento de campañas para o público infantil e xuvenil. O conselleiro anunciou, ademais, un reforzo orzamentario para a Real Academia Galega, que pasa dos 300.000 aos 800.000€. “Aumentamos a nosa colaboración coa RAG -dixo- nun momento tan importante para esta institución como o de abordar a reforma integral da súa sede na rúa Tabernas da Coruña”.

 

Finalmente, o conselleiro tamén se referiu á Axencia Galega de Industrias Culturais, Agadic, que xestionará un total de 18,6M€ destinados, principalmente, ao apoio a festivais de música, audiovisuais e de artes escénicas, á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, ao Centro Dramático Galego, con dúas producións propias para o vindeiro ano, e o desenvolvemento do Plan de Danza.

 
Así mesmo continuarase coas axudas á produción audiovisual e ao sector do videoxogo. De feito, en 2023 executarase a segunda convocatoria do programa de atracción de rodaxes por un importe de preto de 2M€ dos cales se calcula que “terán un impacto estimado de 18M€ para seis proxectos”, explicou o conselleiro.

Imaxes relacionadas