Conde subliña que o sector biotecnolóxico ten futuro en Galicia grazas á confianza depositada polo tecido empresarial con iniciativas como as de Zendal, Indukern e Lonza

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago de Compostela no VII Fórum RIES 2022 sobre a saúde de vangarda
 

Lembra que Galicia é actualmente a segunda Comunidade máis bioemprendedora de España, con 4000 empregos directos nesta industria

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou que o sector biotecnolóxico ten futuro en Galicia grazas á confianza depositada polo tecido empresarial, con iniciativas como as que proxectan Zendal, cunha planta de vacinas no Porriño cun investimento de 111 millóns de euros; as futuras instalacións de Indukern en Monforte de Lemos para a fabricación de produtos farmacéuticos, ás que prevé destinar 33 millóns de euros; e Lonza, que adquiriu máis de 100.000 metros cadrados na Plisan coa intención de investir 200 millóns de euros.

 

Estas iniciativas, segundo subliñou o vicepresidente económico da Xunta, dan continuidade a proxectos que xa están madurando en Santiago de Compostela, como o Polo Biotecnolóxico da Sionlla, ou a primeira incubadora de fármacos de España, onde se conta coa experiencia de grandes multinacionais como Janssen e Lilly, que colaboran coa Fundación Kaertor e a Administración autonómica.

 

Conde, que participou en Santiago no VII Fórum RIES sobre a saúde de vangarda, organizado polo Clúster da Saúde, lembrou que Galicia é actualmente a segunda Comunidade máis bioemprendedora de España, con 4000 empregos directos nesta industria, e apuntou que este dato é a consecuencia de que Galicia ten capacidades, estratexia e proxectos neste eido.

 
Así, o responsable de Economía, Industria e Innovación recordou que a Comunidade espera mobilizar ata 2027 un total de 5000 millóns de euros en investimento público-privado de I+D+i a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e que Galicia tamén conta coa Estratexia de consolidación do sector biotech, con 430 millóns de euros de fondos públicos ata 2025 para converter a Comunidade nun biopolo de referencia europeo.