A Xunta organiza en Monforte de Lemos unha xornada de cata de produtos amparados pola IXP Mel de Galicia

A acción formativa, que busca dar a coñecer as características físico-químicas dos meles galegos distinguidos con indicación xeográfica protexida, terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria o vindeiro xoves 3 de novembro en horario de tarde

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos unha xornada para dar a coñecer as características físico-químicas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Terá lugar o vindeiro xoves 3 de novembro en horario de 16,00 a 21,00 horas.

A acción parte da idea de que o mel acumula unha importante historia produtiva dentro da comunidade galega, estando referenciadas numerosas alvarizas de fai moitos séculos que reflicten a relevancia que sempre tiveron as abellas na nosa contorna. Nesa liña, búscase difundir os principais parámetros do produto con selo de calidade para poñelo de relevo a través dunha cata seleccionada, así como os valores dispostos na lexislación vixente.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para solicitar máis información, poderán dirixirse ao enderezo cesar.crespo.vazquez@xunta.gal ou chamar ao teléfono 982 889 106.