A conselleira Ethel Vázquez presentou hoxe no Parlamento as contas do seu departamento para 2023, que soben 42,2 M€ con respecto ao presente exercicio

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade incrementa o seu orzamento en 2023 ata os 578,5 M€, que levan aparellados preto de 11.000 empregos

Ethel Vázquez salienta os máis de 24 M€ que se destinarán a mellorar a resistencia fronte á seca e a actuar nos sistemas de abastecemento municipal, así como os 12,6M€ para afrontar con maiores garantías os riscos de inundacións

Destaca as medidas de apoio ás familias, con 4,8 M€ para conxelar as peaxes e manter as bonificacións das autoestradas autonómicas e os 90 M€ do transporte público para financiar o 76% do custo da prestación deste servizo aos cidadáns e o 100% aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova

Investiranse máis de 80 M€ para acadar a mellora da calidade das augas, mellorando as redes de saneamento e depuración, e a manter activas as 28 depuradoras municipais que xestiona a Xunta

Porase en marcha un programa de eficiencia enerxética nas depuradoras mediante o uso de paneis solares que permitirá aforrar de media máis do 10% no consumo enerxético, e mesmo acadar aforros do 55%

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade incrementará o vindeiro ano 2023 o seu orzamento ata os 578,5 M€, que levan aparellados preto de 11.000 postos de traballo.

 

A conselleira Ethel Vázquez compareceu hoxe na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos para presentar as contas do seu departamento para 2023, que soben 42,2M€ con respecto ao presente exercicio. Ademais, este departamento autonómico xestionará o vindeiro ano outros 150 M€ de investimentos, consignados nas contas da Consellería de Sanidade, para a execución das obras de ampliación e mellora dos grandes complexos hospitalarios e a construción de novos centros de saúde.

 

A liña de acción da Consellería centrarase en continuar apoiando ás familias; dotando Galicia de eixes viarios de alta capacidade libres de peaxe; executando os proxectos de saneamento e abastecemento; axudando aos concellos nas súas competencias da auga; en facer fronte aos retos do cambio climático; construír ou reformar infraestruturas sanitarias; e reforzar o transporte público e a mobilidade sostible.

 

Para acadar estes obxectivos, a Axencia Galega de Infraestruturas é, un ano máis, o departamento con maior orzamento, ao sumar 283,8 M€, 13 M€ máis que o pasado exercicio.

 

Augas de Galicia contará con 150 M€, case 12 M€ máis que este ano, que permitirán seguir coa colaboración técnica e financeira cos concellos para reforzar os sistemas de saneamento e abastecemento; e promovendo actuacións para garantir auga á poboación e reducir o risco de asolagamentos, nun contexto de cambio climático.

 

A Dirección Xeral de Mobilidade disporá de 114,3 M€ nos seus orzamentos, 10,7 M€ máis que este ano, que posibilitarán seguir ofrecendo servizos de transporte público en autobús de calidade e contribuíndo á economía das familias, coa tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús interurbano.

 

Apoio ás familias

A titular de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé nas medidas encamiñadas a paliar os efectos da crise económica nas familias, derivadas fundamentalmente do incremento dos carburantes e do IPC.

 

Detallou que, precisamente para paliar o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas autonómicas, a Xunta adoptou a decisión de conxelar as peaxes na AG-55 e na AG-57 en 2023; unha medida que se suma á xa adoptada no presente exercicio, cando asumiu a metade da suba do IPC rexistrada a comezos de ano.

 

Deste xeito, os Orzamentos de 2023 recollen unha partida de 4,8 M€ que permitirán conxelar as peaxes, ademais de manter as bonificacións -por recorrencia, a familias numerosas e en horario nocturno-, que se veñen aplicando desde 2010 nas autoestradas autonómicas da Coruña-Carballo e Vigo-Baiona.

 

Ethel Vázquez incidiu, ademais, no apoio ás familias que supoñen os 90 M€ que se destinarán o vindeiro ano ao plan de transporte público, que permitirán financiar o 76% do custo da prestación deste servizo aos cidadáns e o 100% aos menores de 21 anos, coa tarxeta Xente Nova.

 

A conselleira precisou que dese orzamento, 73 M€ se corresponden coas obrigas de servizo público e coa reserva de praza para estudantes con dereito a transporte escolar que empregan os servizos de autobús integrado; e 17 M€ coas bonificacións activas e coa tarxeta Xente Nova, coa que 130.000 menores de 21 anos viaxan gratis nas máis de 3.500 liñas de autobús da Xunta que percorren toda Galicia.

 

Sinalou que este aforro nos autobuses de competencia autonómica se estenderá a todo o territorio e favorecerá a máis usuarios coa activación da Área de transportes de Galicia, que suporá a implantación dun modelo único de mobilidade intermodal con tarifas igualitarias para todos os usuarios, vivan onde vivan e viaxen a onde viaxen.

 

Unha Área de transporte de Galicia na que se recolle a adhesión automática de 119 concellos, sen precisar de convenio, xa que a Xunta asumirá integramente o custo que lle correspondería ás administracións locais, co obxectivo de beneficiar aos municipios máis pequenos.

Mellor preparados fronte á seca e ás inundacións

A conselleira detallou que, dada a excepcional seca rexistrada este verán, a Xunta destinará 30,5 M€ nos vindeiros anos, 11,5 M€ xa no exercicio de 2023, a actuacións para garantir o abastecemento de auga e aumentar a resiliencia nas áreas máis vulnerables, tanto urbanas como rurais.

 

Incidiu en que se destinarán 2 M€ para a reparación de sistemas de abastecemento municipal, como as actuacións que se levarán a cabo en Curtis, Paderne de Allariz, A Estrada, A Laracha, Arbo, Noia ou Betanzos.

 

Tamén se reserva unha partida de 3 M€ para incrementar as reservas de auga en áreas urbanas vulnerables.

 

Á mellora do abastecemento na marxe dereita da ría de Arousa, ampliando a ETAP do río Ulla, que abastece á comarca do Barbanza, destinaranse en 2023 un total 2,8 M€, dos 7,75M€ de investimento previsto.

 

Resérvase, ademais, unha partida de 1,4 M€ para que as entidades locais poidan mellorar a eficiencia dos seus sistemas de abastecemento; 300.000 € para axudas aos concellos para auditorías nas redes de abastecemento; 500.000 € para que as comunidades de usuarios melloren as traídas veciñais; e unha partida de 1,5 M€ para que os concellos incrementen a súa resiliencia fronte á seca.

 

A estas partidas súmanse os 12,6 M€ que se destinarán a actuacións nos concellos para a mellora do abastecemento municipal, como as actuacións en Betanzos ou Arteixo, entre outras.

 

En total, incidiu a conselleira, máis de 24 M€ que se destinarán a mellorar a resiliencia fronte á seca e a actuar nos sistemas de abastecemento municipal.

Ethel Vázquez tamén se referiu aos investimentos de 12,6 M€ previstos en 2023 para afrontar con maiores garantías os riscos de inundacións, tendo como folla de ruta o Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.

 

Sinalou que se avanzará nas obras para reducir estes riscos nas áreas dos ríos Oia, Ulla-Sar, Anllóns, Miñor, Zamáns, Maior ou Umia, reservando partidas por valor de 10,3 M€. A este orzamento súmanse outros 2,6 M€ para a execución de traballos relacionados con outras zonas susceptibles de sufrir asolagamentos, con actuacións de sinalización de riscos e para a mellora da rede de aforos nas áreas de especial perigosidade.

 

Mellora do saneamento

Augas de Galicia tamén disporá, o vindeiro ano, de máis de 80 M€ para acadar a mellora da calidade das augas, mellorando as redes de saneamento e depuración, e para manter activas as 28 depuradoras municipais que xestiona a Xunta.

 

Para continuar coa mellora do saneamento integral das rías, prevense en 2023 distintas partidas que suman un investimento 50,2 M€. Así, entre outros proxectos, destacan as depuradoras de Foz, Burela e Viveiro; a mellora do saneamento de Cambados ou Vilagarcía de Arousa; ou o remate do emisario dos Praceres.

 

Tamén se recollen partidas para a mellora do saneamento en distintos municipios, como o caso de Lalín, con 6,1 M€ para a execución dun novo tanque de tormentas e colectores; os 2,5 M€ que se destinarán en 2023 á depuradora de Monterroso; ou os 1,2 M€ en 2023 dos máis de 13 M€ que achegará a Xunta, para as obras declaradas de interese xeral do Estado: a depuradora de Silvouta e a mellora do sistema de depuración de Ponteareas.

 

As contas recollen, ademais, unha partida de case 27,6 M€ para a xestión das 28 depuradoras municipal que Augas de Galicia ten ao seu cargo.

 

Ethel Vázquez destacou que o vindeiro ano se porá en marcha un programa de eficiencia enerxética nas depuradoras, co uso de paneis solares. Este programa, que está previsto desenvolver nas instalacións de depuración de Gondomar, Alfoz, Nigrán, Tomiño, Ortigueira e Vilaboa permitirán algo máis do 10% de aforro no consumo enerxético, acadando nalgúns casos un aforro de máis do 55%.

 

Aposta pola mobilidade sostible

A mobilidade sostible será un eixo de actuación prioritario o vindeiro ano, cun total de 27,6 M€ de investimento, segundo concretou Ethel Vázquez.

 

Estes investimentos permitirán continuar co desenvolvendo o Plan de Sendas de Galicia, que xa acadou os 200 km de itinerarios. Neste sentido, o vindeiro ano comezará outra fase para dotar de novas sendas ás estradas autonómicas de comarcas como Baixo Miño, Condado, Deza, Sarria, Lemos, Barbanza ou Noia, cun orzamento de máis de 11 M€.

 

Ademais, resérvanse partidas específicas para a rexeneración das fachadas marítimas da Coruña, Ferrol e Vigo. No caso da Coruña, no vindeiro exercicio consígnanse 1,45 M€ para a construción da estrutura flotante do Parrote, a primeira das actuacións comprometidas pola Xunta para a recuperación da fachada marítima da Coruña por importe global de 20M€. En Ferrol prevense 400.000 € para acondicionar a fronte litoral entre Curuxeiras e A Malata, cun orzamento total autonómico de 3,5 M€. Para continuar coa humanización da avenida de Beiramar, orzamentos de 2023 reservan 2 M€ de investimento.

 

A esta programación en favor da mobilidade sostible hai que sumar as sendas das áreas das contornas urbanas e a dotación de aparcadoiros disuasorios, aos que se destinarán 12,4 M€ o vindeiro ano.

 

Así prevese o desenvolvemento en Santiago dun itinerario de 10 km entre O Milladoiro, Conxo, a intermodal, o CHUS e San Caetano; en Ourense, a conexión entre a intermodal, a Ponte Vella, o CHUO e Expourense; en Pontevedra, con actuacións na estrada PO-546, entre Marín e Pontevedra, e na contorna do CEIP de Xeve; en Vigo a humanización da avenida de Galicia; ou tamén se proxecta unha senda litoral entre A Coruña e Oleiros, conectando o CHUAC, na zona das Xubias, con Santa Cristina, sobre a que o Concello da Coruña debe aclarar se está a favor ou non da actuación.

 

En canto aos aparcadoiros disuasorios previstos, a titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que suporán habilitar en total preto de 1.500 prazas, situadas en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo con itinerarios peonís e ciclistas.

 

Mellora dos eixos de comunicación e a mobilidade no rural

Vázquez Mourelle tamén expuxo as actuacións previstas en materia de infraestruturas viarias que desenvolverá a Axencia Galega de Infraestruturas o próximo ano. Salientou que a Xunta reserva case 50 M€ para avanzar na rede de vías de alta capacidade libres de peaxe.

 

Este investimento permitirá avanzar na 2ª fase da autovía Nadela-Sarria, unha vez que se poña en servizo nunhas semanas a 1ª fase das obras; na VAC Tui-A Guarda, para a que se consignan 6,7 M€ que permitirán a posta en servizo do treito entre o polígono de Areas e a A-55 e avanzar no treito ata a PO-350.

 

Tamén a Vía Ártabra verá rematado o enlace coa N-VI, grazas a un orzamento de 13,15M€; e a VAP da Costa Norte recibirá un impulso, cos 8 M€ presupostados para avanzar na tramitación e licitación das obras do treito AG-64–Sanguiñeira.

 

Para a AG-59, entre A Ramallosa e A Estrada, resérvanse 5 M€ co fin de licitar as obras do treito entre A Ramallosa e a AC-241; avanzarase na conversión en autovía da VAC Brión-Noia, cunha partida 1 M€; e para continuar a autovía da Costa da Morte, para a VAC Baio-Berdoias, consígnase unha partida de 4,5 M€.

 

Ademais, impúlsase a execución de variantes en entradas autonómicas ao seu paso por núcleos de poboación: as variantes de Carballo e Ribeira, a circunvalación Leste de Ourense no treito Bemposta-N-525 ou a Rolda Leste de Lugo.

 

A conselleira indicou que dada a discriminación do rural por parte do Goberno central no reparto de Fondos Next Generation destinados á mobilidade, a Xunta incrementa o esforzo inversor no acondicionamento de estradas autonómicas neste ámbito.

 

Destacou mellora da mobilidade das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña, coa previsión de licitar nas vindeiras semanas a 2ª fase do acondicionamento da AC-862 e iniciar a mellora da LU-540 para facilitar as comunicacións de Viveiro e a Mariña.

 

Tamén avanzou traballos de acondicionamento das estradas AC-406 entre Portomouro e Santa Comba; LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane; LU-231 entre Palas de Rei e Friol; OU-533 entre Valdeorras e A Gudiña; ou OU-603, na Rúa.

 

Tal e como subliñou Ethel Vázquez, a seguridade viaria seguirá a ser unha prioridade para a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xestionará case 50 M€ en 2023 para a conservación das estradas autonómicas, proseguindo co Plan de reforzo de firmes, coa Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes, o control de biomasa nas marxes ou a xestión de pontes, muros e noiros.

 

Aposta pola intermodalidade, mellora de terminais e renovación de paradas

A conselleira incidiu, ademais, na aposta por dotar Galicia dunhas infraestruturas que faciliten o intercambio áxil e seguro entre modos de transporte.

 

Avanzou partidas de 13,3 M€ para proseguir coa execución de estacións intermodais como xa se fixo en Santiago, en Ourense, Vigo e tamén en Pontevedra, a piques de rematar. Así, as contas de 2023 impulsarán a nova terminal da Coruña, con máis de 10 M€ consignados; e posibilitarán avanzar na tramitación das intermodais de Lugo e de Ferrol.

 

A estes grandes nodos de transporte engadiranse os acondicionamentos de estacións de autobuses en diferentes vilas, a dotación de novas marquesiñas ou a mellora da accesibilidade das paradas, que contan cun orzamento global de case 6 M€.

 

Para facilitar o uso do transporte público, a Xunta dixitalizará o sistema de adquisición de billetes e porá en marcha antes de fin de ano a plataforma galega de mobilidade 4.0.

 

Tamén se reserva unha partida de 1 M€ para darlle continuade ao programa Ebici, que proporciona axudas para adquirir bicicletas eléctricas co fin de fomentar os desprazamentos sostibles.

 

Infraestruturas para reforzar a sanidade pública

Ethel Vázquez tamén se referiu ás actuacións no eido sanitario que acometerá o departamento que dirixe, xestionando un total de 150 M€ que están consignados nos orzamentos da Consellería de Sanidade.

 

No ámbito hospitalario, citou o novo CHUAC da Coruña, destinando 28,5 M€ para iniciar as obras da Torre Polivalente e avanzar nas expropiacións. Tamén se referiu ás partidas de 8,6 M€ para comezar a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; 26,2 M€ para a reforma do Arquitecto Marcide de Ferrol; 64 M€ para darlle un pulo definitivo á ampliación do Hospital Público Montecelo; ou  7 M€ para o novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil do hospital de Ourense.

 

No que respecta ás obras dos Centros Integrais de Saúde, están consignados 3,4 M€ para iniciar o de Ourense;  2,3 M€ para culminar o de Lugo; 6,55 M€ para o de Lalín; e máis de 6M€ para comezar o de Olimpia-Valencia de Vigo. Ademais executaranse novos centros de saúde en Abegondo, Boborás, Muíños, no barrio lucense da Milagrosa, en Vilagarcía de Arousa ou na Rúa.

Imaxes relacionadas