A Xunta adxudica por preto de 675.000 euros as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, en Coristanco, que favorecerán os desprazamentos a pé ao centro comercial

Construirase máis de 1,3 km de sendas na AC-552 que facilitarán a mobilidade dos veciños

A intervención prevé iniciarse na segunda quincena de novembro co obxectivo de poñer xa á disposición dos veciños no verán do 2023 os novos itinerarios peonís

A senda en Montecelo terá 800 metros e irá pola marxe esquerda da estrada, desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial

A segunda das sendas, en Bormoio, transcorrerá pola marxe dereita de Agualada e chegará ata o cemiterio de Agrilloi

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a apostar pola mobilidade sostible, despois de levar xa construídos 200 quilómetros de sendas en toda Galicia, cun investimento de 50M€
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por un importe de 673.271 euros as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, que favorecerán os desprazamentos a pé cara ao centro comercial.

 

A intervención, adxudicada á empresa Lancer Proyectos y Obras, S.A., prevé iniciarse na segunda quincena de novembro, co obxectivo de poñer xa á disposición dos veciños no verán do 2023 os novos itinerarios peonís. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

 

As sendas localizaranse en varios treitos da estrada autonómica AC-552, concretamente entre os puntos quilométricos 34+400 e 34+860, e 44+300 e 45+080. Os novos itinerarios darán continuidade á senda posta en servizo en febreiro, un itinerario de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, cun investimento da Xunta de 1,1 M€.

 

Construiranse, en total, algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terra para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso fundamentalmente peonil, cun ancho mínimo de 2 metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.

 

O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.

 

Neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda peonil e aproveitarase para acondicionar a curva existente.

 

No núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.

 

Os traballos completaranse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existe rede de pluviais e, onde non hai, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.

 

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

 

A Xunta segue a apostar pola mobilidade sostible, avanzando agora nestes novos treitos de senda na estrada AC-552, despois de levar xa construídos 200 km de sendas en toda Galicia e investidos 50 M€.  Entre elas, destacan os 11 km executados coa 1ª fase do Plan de sendas de Bergantiños, con 5 M€ de investimento, e tamén os que se iniciaron en xuño, en Soesto e Serantes, en Laxe; ou os que se impulsan en Ponteceso, en Xornes -xa en obras- e no Couto.