A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou hoxe na Cámara autonómica as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio

Medio Ambiente xestionará o próximo ano 533,5 M€, o seu maior orzamento, para cumprir co obxectivo estratéxico de impulsar 1.200 novas vivendas públicas

Ángeles Vázquez subliña que son uns orzamentos sen precedentes nos que primarán as políticas residenciais, a protección da Galicia verde e o urbanismo responsable

Nun contexto marcado pola incerteza, avanza novas medidas para facilitar a emancipación da mocidade, como o novo aval do 20% para compra de vivenda ou o feito de darlles acceso prioritario aos inmobles rehabilitados no marco do Rexurbe

A Consellería sacará dúas novas liñas de subvencións por 10,8 M€ para promover vivendas destinadas ao colectivo dos maiores e a persoas con algunha discapacidade e para impulsar na Comunidade aloxamentos temporais e de tipo cohousing

No capítulo de solo industrial, salienta que se reservan 7 M€ a manter os descontos sobre o prezo de venda das parcelas propiedade da Xunta co reto de acadar os 80 M€ en bonificacións desde a posta en marcha destes incentivos no ano 2015

50 de cada 100 € da Consellería para o vindeiro ano dedicaranse á economía circular, á xestión dos biorresiduos e a continuar coa consolidación de Galicia como referente na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro

En materia de urbanismo, destinaranse 8,6 M€ para actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais e 2 M€ ao fomento do fermosismo

Desde o punto de vista normativo, Vázquez Mejuto salienta os avances normativos que suporán a Lei de ordenación do litoral e a Lei do clima

A conservación da biodiversidade e dos espazos protexidos da Comunidade contarán en 2023 cun orzamento de 57,1 M€, cunha atención especial á prevención e indemnización polos danos causados polo lobo
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

  Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o próximo ano ascenderán a 533,5 millóns de euros, case un 20% máis que os fondos dispoñibles para este exercicio, o que supón a maior contía en toda a súa historia. Acompañada polo seu equipo directivo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá as contas do seu departamento ante a Comisión 3ª do Parlamento, onde subliñou que 2023 será un “ano clave” desde o punto de vista residencial, xa que sentará as bases para impulsar en toda Galicia 1.200 vivendas públicas, tanto novas como rehabilitadas.

Tras subliñar que son uns orzamentos sen precedentes, a conselleira explicou que os eixos prioritarios de actuación de cara ao vindeiro ano serán as políticas en materia residencial e de solo industrial, a protección da Galicia verde, consolidando a loita contra o cambio climático e a preservación do patrimonio natural, e a aposta polo urbanismo responsable, a través do apoio aos concellos e da promoción da cultura do fermosismo.
 
Un terzo do orzamento da Consellería dedicarase a vivenda e solo empresarial, dúas materias ás que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a empresa pública Xestur destinarán 176,9 M€, un 10,5% máis que en 2022. Para facilitar o acceso da cidadanía a un fogar, en réxime de alugueiro ou en propiedade, Ángeles Vázquez indicou que se reservarán 57,85 M€ a programas e incentivos dirixidos a particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores, ademais das actuacións directas por parte da Xunta.
 

En concreto, explicou que a promoción de vivenda pública experimentará un pulo importante, como se reflicte nos 10,5 M€ destinados a este capítulo, cun incremento de case un 25% respecto a este ano. Estes fondos permitirán licitar a construción de novas vivendas de promoción pública en Vigo, Pontevedra, Lugo, Santiago e A Coruña. Tamén se continuará coas obras actualmente en execución nestas dúas últimas cidades.

Adicionalmente, reservaranse outros 12,4 M€ á urbanización de dúas importantes bolsas de solo residencial: a ampliación de San Paio de Navia, en Vigo, e a do barrio coruñés de Xuxán.
 

Para apoiar aos cidadáns na compra da súa vivenda, os orzamentos contemplan unha partida de 3,3 M€ que se repartirán entre as axudas para adquirir inmobles en concellos de menos de 10.000 habitantes, as de compra en centros históricos ou as subvencións directas para a adquisición de vivendas protexidas. 

En canto aos incentivos para alugar, mobilizaranse preto de 32 M€ entre as axudas ao alugueiro (13,7 M€), o bono alugueiro mocidade (11,4 M€) ou os case 260.000 euros que se reservan ao pago dos seguros dos propietarios privados que se adhiran ao novo programa Vivendas Vivas para a mobilización de 300 inmobles actualmente sen uso.

Apoio aos que máis o necesitan

Nun momento marcado pola incerteza e a alza continua dos prezos, a conselleira insistiu na necesidade de estar, máis que nunca, ao carón das familias galegas e daqueles colectivos que poden ter dificultades para acceder a unha vivenda ou conservala. En concreto, referiuse ao bono de alugueiro social, unha prestación para axudar a persoas vulnerables co pago da súa renda mensual e que, por cuarto ano consecutivo, cubrirá o 100% do importe do alugueiro das súas vivendas grazas a un orzamento de 3,3 M€.

 

Neste sentido, avanzou tamén novas medidas para facilitar a emancipación da mocidade, entre elas, o aval da Xunta para cubrir o 20% do importe da compra da primeira vivenda, ao que se destinarán inicialmente 5 M€ para 2023; ou a decisión de darlle a este colectivo, por primeira vez, acceso prioritario aos inmobles rehabilitados no marco do programa Rexurbe, destinados na súa totalidade a alugueiro social.

Ademais, convocaranse por primeira vez dúas ordes de axudas —unha dirixida a concellos e a outra a promotores privados— para construír vivendas destinadas a alugueiro social durante, como mínimo, 50 anos. A dotación para o ano 2023 é de 3 M€. 

Entre as novidades cómpre subliñar tamén dúas liñas de subvencións para o fomento de vivendas polas que se apostará o vindeiro ano: unha delas, destinada especificamente aos maiores e a persoas con algunha discapacidade (por 4 M€) e a outra, para impulsar na Comunidade aloxamentos temporais e de tipo cohousing (6,8 M€). 

Rehabilitación e eficiencia enerxética no eido residencial

Ao igual que nos últimos anos, a rehabilitación con fins residenciais volverá ser un capítulo importante nos orzamentos do departamento, cunha partida de 55,3 M€. Neste sentido, Ángeles Vázquez avanzou que se apostará de novo por programas de éxito como o Rexurbe (8 M€ para a compra de inmobles en centros históricos e para recuperar os xa adquiridos polo IGVS), as axudas a concellos para rehabilitar vivendas de titularidade municipal (2,1 M€) ou o fondo de cooperación para actuacións de rehabilitación, que ofrece préstamos sen xuros ás entidades locais.

Na mesma liña, a conselleira defendeu a mellora da eficiencia enerxética das vivendas como outra forma de rehabilitación que, ademais, incide de forma positiva no cambio climático, xa que contribúe a reducir as emisións procedentes do sector residencial. A través de 7 programas diferentes, explicou que nos orzamentos do próximo exercicio se reservarán un total de 41,3 M€ a subvencionar este tipo de obras en edificios e vivendas.

Solo empresarial

Tras referirse á recente aprobación da Lei de áreas empresariais, que entrará en vigor o 10 de novembro, a conselleira destacou os 35,4 M€ que se destinarán a impulsar incentivos e medidas para que as empresas se asenten en Galicia. Desta contía, fixo fincapé nos 7 M€ que se destinarán a manter as bonificacións, do 30% ou do 50%, sobre o prezo de venda das parcelas que xestiona a Xunta; polo que o obxectivo será chegar aos 80 M€ en bonificacións desde a posta en marcha destes incentivos, no ano 2015.

En canto aos 28,25 M€ restantes, Ángeles Vázquez explicou que se investirán principalmente na mellora e desenvolvemento de máis solo empresarial nos parques que xestiona, con actuacións previstas en 27 polígonos industriais de toda Galicia.
 

Pechar a xestión dos residuos

No que respecta á loita contra o cambio climático e a xestión moderna e eficiente dos residuos, Ángeles Vázquez puxo en valor que 50 de cada 100 euros da Consellería para o vindeiro ano estarán dedicados á economía circular, á xestión dos biorresiduos e a continuar coa consolidación de Galicia como referente na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Así, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático disporá dun orzamento de 60,2 M€, aos que hai que engadir os 202,4 M€ cos que contará Sogama. O obxecto é, segundo incidiu a conselleira, cumprir os obxectivos que marca a Unión Europa e acadar o antes posible a neutralidade climática.

Nesa liña, destínanse 55,4 M€ para mellorar a xestión dos residuos municipais. Dese orzamento total resérvanse 27 M€ para poñer en marcha todas as infraestruturas de tratamento dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023, prazo estipulado pola Unión Europea para que os concellos xestionen estes refugallos. Este investimento permitirá rematar as 3 novas plantas de compostaxe actualmente en construción (Cervo, Verín e Vilanova de Arousa), que estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia.
 

A maiores, segundo subliñou a conselleira, convocaranse axudas a concellos por importe de 18,7 M€, que permitirán mellorar o tratamento de biorresiduos e refugallos téxtiles, a construción de novos puntos limpos e o desenvolvemento dun plan de apoio á normativa de residuos. Precisamente de cara á optimización destes fondos convocouse en xullo unha manifestación de interese para coñecer as necesidades reais neste eido.

Ademais, Ángeles Vázquez incidiu en que a Comunidade seguirá dando pasos adiante na loita contra o cambio climático co impulso da Alianza Galega polo Clima, que conta na actualidade cunhas 30 entidades adscritas; co Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, con 285 concellos xa adheridos, e coa tramitación parlamentaria en 2023 da futura Lei do clima de Galicia, que será un instrumento clave para avanzar no cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos fixados pola Unión Europea neste eido.
 

Urbanismo responsable e humanización do territorio

Durante a súa comparecencia, a conselleira tamén incidiu en que o Goberno galego seguirá avanzando cara ao urbanismo responsable, que comezou a trazar no ano 2009, para o que contará no ano 2023 cun orzamento de 16,2 M€, un 11,7% máis que en 2022.

Dese total, máis de 3,2 M€ destinaranse a axudar aos concellos na redacción dos seus plans xerais. Nesa liña, logo de lembrar que 113 municipios xa contan cun PXOM propio, adaptado e acorde á normativa, a conselleira engadiu que o compromiso cun urbanismo responsable tamén seguirá chegando aos concellos de menos de 5.000 habitantes, para o que se destinarán 850.000 euros a continuar coa elaboración dos Plans Básicos Municipais. Cómpre lembrar que na actualidade hai 3 PBM aprobados (Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín) e 21 en trámite.

A maiores, mantense o compromiso de colaboración cos concellos para humanizar as vilas galegas continuando co desenvolvemento do plan Hurbe, que desde 2010 comprometeu 162 M€ para o financiamento de máis de 380 actuacións urbanísticas. Segundo explicou Ángeles Vázquez, o vindeiro ano destinaranse 8,6 M€ para actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais, un 22,8% máis que no anterior orzamento.
 
Neste eido da planificación e humanización urbanísticas, cómpre salientar que se reservan 2 M€ para convocar, por terceiro ano consecutivo, as dúas liñas de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos e preservar así o fermosismo galego.
 
Ademais de lembrar que se está ultimando a que será a primeira Lei de arquitectura de Galicia, Ángeles Vázquez incidiu en que xa comezou a tramitarse a Lei de ordenación do litoral, cuxo obxectivo é outorgar seguridade xurídica aos titulares de instalacións xa existentes no dominio público marítimo-terrestre, definindo a tal fin que actividades e usos pode albergar cada zona da costa a través dunha planificación por tramos segundo as características de cada unha.

Aposta pola Galicia verde e o patrimonio natural

Finalmente, dentro da aposta por unha Galicia verde, a conselleira puxo en valor que a conservación da biodiversidade e dos espazos protexidos da Comunidade contarán en 2023 cun orzamento de 57,1 M€, un 14,8 % máis que en 2022.

Dese total, 11,2 M€ destinaranse á preservación dos espazos protexidos: 4,4 M€ para actuacións de conservación no medio mariño; 1,6 M€ para obras de mellora da eficiencia enerxética nos centros de interpretación dos parques naturais do Invernadeiro e Xurés, e 5,2 M€ para a protección da biodiversidade e restauración dos hábitats.

A maiores, tal e como explicou Ángeles Vázquez, proseguirá a elaboración dos plans de xestión e conservación dos espazos protexidos. Así, de forma inminente aprobarase o Plan reitor de uso e xestión das Fragas de Eume —co que se completará a regulación de todos os parques naturais de Galicia—.

No que atinxe á conservación da fauna silvestre, a conselleira incidiu na importancia da prevención como ferramenta principal para facilitar a coexistencia destas especies coa actividade agrogandeira. En concreto, o vindeiro ano triplícase a contía do orzamento destinado ás axudas para previr os ataque do lobo ata acadar os 1,9 M€. En total, as ordes para prevención e indemnización polos danos desta especie sumarán o próximo ano 2,5 M€.
 

Imaxes relacionadas