O Bono Activa Comercio da Xunta esgótase en tan só tres días, con máis de 166.000 descargas

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, lembrou hoxe na Coruña que os beneficiarios teñen ata o 31 de decembro para empregar os descontos de 30 euros no comercio de proximidade, contribuíndo así á súa dinamización

A Administración autonómica destina 5M€ a este programa co que se prevé mobilizar 17 millóns de euros en vendas

Xa se sumaron preto de 5.200 negocios, e os establecementos interesados poden seguirse adherindo ata o vindeiro 30 de novembro

A Coruña é a provincia con máis comerciantes participantes ata a data, cun total de 1964 negocios inscritos

A Coruña, 27 de outubro de 2022

O Bono Activa Comercio da Xunta esgotouse en tan só tres días, con máis de 166.000 descargas de cidadáns que contan xa co seu desconto de 30 euros para empregar no comercio de proximidade. Así o sinalou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que visitou hoxe na Coruña diferentes establecementos participantes nesta iniciativa, á que a Xunta destina 5 millóns de euros co obxectivo de mobilizar 17 millóns de euros en vendas.

 

Os beneficiarios teñen agora ata o 31 de decembro para empregar os descontos nos establecementos adheridos, que son xa preto de 5.200 e que poden seguir sumándose ata o próximo 30 de novembro. A Coruña é a provincia con máis tendas inscritas ata a data, cun total de 1964 negocios.

 

A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.

 

Ata o de agora, coa segunda edición do Bono Activa Comercio xa se mobilizaron vendas por 1,4 millóns de euros, tal e como subliñou o director xeral de Comercio e Consumo, que

lembrou que esta iniciativa busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais. Ao mesmo tempo, contribúese a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.