A Xunta pon en valor o papel dos administradores concursais na xurisdición do Mercantil

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do “XVI Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal”, onde destacou a necesidade de que estes profesionais conten coa formación adecuada para adaptarse ás novidades lexislativas neste ámbito

Destacou a colaboración da Xunta co Consello Galego de Colexios de Economistas e os avances para o acceso ao Expediente Xudicial Electrónico por parte dos profesionais da Administración de Xustiza

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do XVI Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal, onde destacou o importante papel dos administradores concursais na xurisdición do Mercantil e a necesidade dunha formación continua para actualizar os coñecementos e dar resposta ás continuas modificacións legais neste ámbito.

Deste xeito, fixo referencia á Lei concursal 16/2022 que inclúe novidades relacionadas con aspectos como a probabilidade de insolvencia para fomentar as reestruturacións empresariais cun enfoque preventivo, un procedemento exprés nos concursos da microempresa e modificacións no ámbito do convenio e a liquidación.

José Tronchoni recoñeceu a complexidade do traballo que desempeñan estes profesionais do dereito concursal na loita por recuperar empresas que atravesan situacións complicadas que afectan aos seus traballadores, tanto na prestación de auxilio aos maxistrados dos xulgados mercantís que se encargan dos asuntos relacionados cos concursos de acredores como na asistencia pericial por parte dos economistas que a Administración de Xustiza demanda.

Neste ámbito, a Xunta e o Consello Galego de Colexios de Economistas colaboran na designación de economistas dos catro colexios da comunidade para atender as solicitudes de servizos periciais na asistencia xurídica gratuíta.

Avance no expediente xudicial electrónico

Tal e como sinalou o director xeral de Xustiza, a Administración autonómica está a avanzar no expediente xudicial electrónico e coa opción de que traballadores da Administración de Xustiza como profesionais da avogacía, da procuradoría, graduados sociais e tamén da administración concursal poidan ter acceso a eles.

XVI Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal, organizado polo Consello Galego de Economistas, reúne de novo en Galicia a especialistas do ámbito académico, xudicial e profesional que debaterán sobre as novidades lexislativas de gran calado en materia concursal e dos retos abertos para o futuro concursal e mercantil.