O DOG publica o novo decreto sobre vixilancia sanitaria das augas de baño que incorpora un rexistro e a obriga de informar do estado das augas

O Decreto establece tamén os modelos de solicitudes de alta, modificación e baixa no rexistro, delimita as competencias das autoridades sanitarias, inclúe a actualización do control de calidade sanitaria das augas e regula a información que se facilita á poboación

Este novo ordenamento da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade deroga o Decreto 240/2000, do 13 de setembro, polo que se regulaba a declaración de augas de baño habilitadas na Comunidade galega
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022.-

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo decreto sobre vixilancia sanitaria das augas de baño en Galicia que deroga o regulamento do ano 2000 e incorpora novidades como a creación dun rexistro de augas de baño na Comunidade galega, establece as competencias das autoridades sanitarias e fixa a información que se facilita ao público.

O Decreto, que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado 13 de outubro, substitúe ao anterior regulamento de hai máis de 20 anos e o actualiza e adapta aos perigos e riscos para a saúde dos usuarios que pode ocasionar o crecente uso recreativo das augas de baño. A contaminación bacteriana das augas pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias, e aínda que se trata de enfermidades non graves, o número de persoas expostas pode ser elevado dada a tradición que existe en Galicia no uso das augas de baño.

Por todo isto, o novo decreto da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade crea como novidade o Rexistro de augas de baño de Galicia, que permitirá dispor da información básica das aguas de baño que sirva como instrumento para o exercicio das facultades de inspección e control que teñen atribuídas as autoridades sanitarias, e facilitar a difusión da información sobre as augas de baño ao público. Os datos deste rexistro incorporaránse e poderán consultarse no Observatorio Galego de Saúde Pública que se está a poñer en marcha.

O novo regulamento tamén establece o contido do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño que, con carácter autonómico, ven funcionando na nosa comunidade desde mediados da década dos oitenta, executado pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Tamén, o decreto fai un especial recoñecemento do papel das administracións locais como provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, establecidas xa na Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que no seu artigo 25 atribúelle aos concellos as competencias de protección da salubridade pública.

Entre as novidades que inclúe o decreto tamén está a incorporación á normativa autonómica da decisión de execución da Comisión do 27 de maio de 2011 que establece, en virtude da Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, a incorporación dun símbolo para informar ao público da clasificación das augas de baño e de calquera prohibición ou recomendación que afecte a este, así como outros requisitos para garantir que o público reciba información suficiente e oportuna sobre a calidade das augas de baño e as medidas correctoras e preventivas por parte dos concellos

Por último, e como xa se apuntou, este decreto deroga o Decreto 240/2000, do 13 de setembro, polo que se regula a declaración de augas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia. O novo regulamento entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no DOG.

Rexistro de augas de baño e información ao público

Este decreto regula a creación do Rexistro de augas de baño de Galicia, que contará con tres seccións: unha primeira sección de augas de baño incluídas no Censo de Zonas de Augas de Baño do Ministerio de Sanidade. Outra sección determinará as augas de baño en avaliación, previa á súa inclusión na sección primeira do rexistro; e unha terceira sección determinará as augas con prohibición permanente do baño. Haberá modelos para as solicitudes de alta ou modificación no Rexistro, e para as solicitudes de baixa.

O decreto regula tamén as competencias das seguintes autoridades sanitarias na materia: o órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da Consellería competente en materia de sanidade; a xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, e o/a alcalde/sa do concello no que estea situada cada auga de baño.

Tamén, o ordenamento inclúe a actualización do control de calidade sanitaria das augas de baño coa fixación da tempada de baño e o calendario de control entre o 1 xuño e o 30 de setembro; cun programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia a disposición do público na páxina web da Consellería de Sanidade, coa fixación de laboratorios para controis analíticos UNE-EN ISO /IEC 17025, coa determinación da aptitude do baño / prohibición ou recomendación de absterse do baño, así como cunha clasificación anual das augas do baño en diversos termos :insuficiente, suficiente, boa ou excelente.