A Xunta e os principais axentes socioeconómicos coinciden na importancia de sumar esforzos para que os proxectos estratéxicos para Galicia acaden fondos europeos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron esta tarde un encontro cos integrantes da Mesa do Diálogo Social

Á xuntanza asistiron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) José Manuel Vieites e os secretarios xerais de UGT Galicia e CCOO de Galicia, José Antonio Gómez e Amelia Pérez, respectivamente

Son máis dunha trintena os proxectos industriais que están en tramitación e que xa estarían en disposición de acceder aos Next Generation

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron esta tarde un encontro cos integrantes da Mesa do Diálogo Social para avaliar a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation. Á xuntanza asistiron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) José Manuel Vieites; o secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez; e a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez.

 

Na reunión todas as partes coincidiron na necesidade de traballar desde a unidade de acción para defender os proxectos estratéxicos que desde Galicia opten aos fondos europeos. A Xunta, que entende que é preciso máis axilidade, máis equidade e máis diálogo na execución dos mesmos, apuntou que Galicia conta con máis dunha trintena os proxectos industriais que están en tramitación e que xa estarían en predisposición de acceder ás convocatorias dos Next Generation que poida lanzar o Goberno central.

 

Conde subliñou que “hai unha visión compartida e imos seguir traballando conxuntamente para fortalecer esa visión e sobre todo fortalecer a candidatura de Galicia”. Entre as iniciativas que Galicia ten en canteira, atópanse 16 iniciativas empresariais prioritarias; 2 proxectos industriais estratéxicos; un proxecto de interese autonómico e unha ducia máis de proxectos que a Xunta está acompañando para lograr a transformación industrial de Galicia e que buscan obter tamén ese recoñecemento en forma de fondos europeos por parte do Goberno. Son proxectos estratéxicos vinculados coa economía circular, como a fábrica de fibras téxtiles de Altri e o centro de produción de fertilizantes e biometano de Reganosa, Repsol e Naturgy; coas novas fontes de enerxía renovable, como a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP nas Pontes ou a de Nervión paraestruturas para eólica mariña; a biotecnoloxía, coas iniciativas que promoven Zendal, Indukern e Lonza; o sector agroalimentario (Estrella Galicia, Profand ou Jealsa) ou a mobilidade do futuro, como as iniciativas de Stellantis ou Showa Denko.

 

Nestes proxectos estratéxicos lévase traballando case dous anos, en colaboración co tecido empresarial e cos centros de coñecemento. Por este motivo, o vicepresidente económico destacou a importancia de traballar na candidatura galega desde a Mesa do Diálogo Social.

Imaxes relacionadas