Rueda valora a importancia do xornalismo local para reforzar os lazos comúns e construír comunidades máis sólidas

O presidente do Goberno galego interveu na entrega do premio Puro Cora do Grupo El Progreso a Manuel Jabois

Lugo, 26 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou hoxe a importancia do xornalismo local para reforzar os lazos que nos unen e construír comunidades máis sólidas, no acto de entrega do premio Puro Cora do Grupo El Progreso ao xornalista pontevedrés Manuel Jabois.

O presidente galego dixo que non se trata só dun excelente columnista, senón tamén dun “excelente xornalista” que aprendeu o oficio primeiro do seu avó e despois na redacción do Diario de Pontevedra, demostrando que o xornalismo local é “a mellor escola que hai”.

Rueda reivindicou as vocacións porque algúns acontecementos recentes convidan a pensar que certas profesións, como a de xornalista, viven tempos difíciles. Lamentou como, constantemente, visións erróneas pasan a ser máis lexítimas que as autorizadas e o ruído elimina a diferenza, antes sagrada, entre a opinión e o feito. Isto fai que a chamada “posverdade” abra o camiño á polarización, a crispación e o auxe de posicións extremistas que converten en problema o que se consideraba solución, como era a política e o xornalismo sosegados, reflexivos e vinculados sempre aos feitos.

Neste sentido, destacou que tanto Manuel Jabois como o Grupo El Progreso cren nun xornalismo rigoroso, que prestixia a profesión e é digno de todos os premios, “comezando polo premio máis importante que hai e que se entrega a diario: a confianza dos lectores e da sociedade galega”.

 

Imaxes relacionadas