Comeza a instalación do módulo de atletismo do Ifevi que terá un prazo de 40 días e suporá un revulsivo deportivo e expositivo para Vigo

A empresa adxudicataria, cun importe de 312.547,32 euros, é Mondo Ibérica SAU, unha marca punteira que conta co 73 % das pistas indoor certificadas en todo o mundo por World Athletics e co pavimento dos últimos 13 Xogos Olímpicos

Ao mesmo tempo, o Goberno galego espera as instrucións municipais para comezar a traballar canto antes en Balaídos ao tempo que pon á disposición dos atletas de Vigo esta nova instalación para cubrir as súas necesidades

No serán de mañá xoves, a Xunta, da man da Federación Galega de Atletismo, ten convocada unha xuntanza de traballo cos clubs de atletismo de Vigo na que tamén está convidado o Concello de Vigo, para falar da situación do atletismo vigués e establecer o calendario de uso do módulo de Ifevi

Vigo, 26 de outubro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisaron na mañá de hoxe o inicio das obras de instalación do módulo cuberto de atletismo no pavillón número 5 do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). A representante autonómica explicou que o Goberno galego "cumpre o seu compromiso e inicia a montaxe do módulo, tal e como estaba previsto tras a celebración de Conxemar, para contar cunha instalación que estará rematada a finais de novembro". Fernández -Tapias tamén sinalou que "queremos optimizar o espazo do Ifevi, despois do investimento no pavillón 5, e cando non se celebren feiras aproveitar para cubrir as grandes necesidades que teñen os atletas da cidade". Pola súa banda, Lete Lasa destacou esta actuación como “un novo fito para o atletismo vigués e galego que supón unha solución inmediata e de calidade á complexa situación dos deportistas vigueses ante a precaria situación das pistas municipais de atletismo de Balaídos”.

A instalación do equipamento do módulo de atletismo -recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura- terá un prazo máximo de 40 días. A pista contará, ademais, co certificado de homologación emitido pola Real Federación Española de Atletismo.

Cómpre lembrar que a empresa adxudicataria do módulo do Ifevi (cun importe de adxudicación de 312.547,32 euros) é Mondo Ibérica SAU, unha marca punteira que conta co 73 % das pistas indoor certificadas en todo o mundo por World Athletics e co pavimento dos últimos 13 Xogos Olímpicos. O módulo de atletismo chega ao Ifevi grazas á súa segunda gran ampliación que conta cun revulsivo deportivo e expositivo, xa que as novas instalacións deportivas teñen como obxectivo incrementar a potencialidade dos preto dun milleiro de atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo.

Esta actuación ratifica a aposta da Xunta pola busca de solucións polivalentes que reforcen algúns dos recintos feirais da Comunidade, co obxectivo de impulsar a compatibilidade cos usos deportivos. Neste sentido destaca a pista de atletismo cuberta de Expourense e o rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Do mesmo xeito, continúa a liña de apoio ás instalacións de atletismo, como demostra tamén a renovación e o acondicionamento da pista do Estadio de atletismo situada no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela; a pista cuberta de Expourense, na que a Xunta xa investiu 4,3 millóns de euros; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira e o convenio da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo para o ano 2023, así como outras obras nas pistas de atletismo de A Estrada.

O módulo de atletismo no Ifevi vén a paliar a situación de parálise que vive o atletismo vigués e que suporá unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica e que quedará instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo. Tras oito anos agardando que o Concello de Vigo arranxase os seus problemas urbanísticos para realizar a reforma das pistas de Balaídos, o pasado mes de abril, a Xunta anunciou que colaboraría na devandita remodelación cos 3 millóns de euros que reclamaba o concello, sen obter polo momento resposta algunha para iniciar as obras. O Goberno galego, polo tanto, espera as instrucións municipais para comezar a traballar canto antes en Balaídos ao tempo que pon á disposición dos atletas de Vigo unha nova instalación no Ifevi para cubrir as súas necesidades.

No serán de mañá xoves, a Xunta de Galicia, da man da Federación Galega de Atletismo, ten convocada unha xuntanza de traballo cos clubs de atletismo de Vigo na que tamén está convidado o Concello de Vigo, para falar da situación do atletismo vigués e establecer o calendario de uso do módulo de Ifevi para que o tecido do atletismo olívico poida comezar a desfrutar canto antes desta nova instalación.

Un módulo completamente equipado

Máis polo miúdo, e segundo o prego de prescricións técnicas, o pavimento deportivo terá unha superficie de máis de 2.100 m2 e contará co certificado WA; as rúas de atletismo contarán co pintado e sinalización da recta de 60 metros, dez tacos de saída e 50 valos con listón de madeira; o salto de lonxitude e triplo salto contará con tres batidas de aceiro inoxidable, oito táboas de madeira, un xogo de referencias, dúas cintas para medir, un xogo de marcas de sinalización, un nivelador de area, un anciño de area, unha espátula e tres unidades de plastilina, así como o tapado do foso de preto de 40 m2; o lanzamento de peso estará composto por unha zona de lanzamento, enrolador de cinta, cinta para medir, e dous pesos de 2, 3, 4, 5, 6 e 7,26 quilos; o salto con pértega virá provisto do kit de caxetín para salto con pértega de aceiro inoxidable, saltómetro de pértega, elevador de listón, medidor, listón, zona de caída da pértega e funda protectora; o salto de altura constará dun saltómetro de altura, zona de caída de altura, funda protectora, medidor e tres listóns; e por último, o contrato tamén se encargará de prover outros útiles como un marcador individual, catro pinchos de soporte de cinta, dous carros de transporte xeral, tres carros de valos e 18 bandeiras de xuíz árbitro.

Respecto á electrónica deportiva e cronometraxe, o contrato tamén contempla a provisión dun marcador videofinish, un dispositivo para comunicación da cámara marcador final de meta, un posicionador remoto cámara e sistema sen fíos de videocronometraxe.

Imaxes relacionadas