A Xunta disporá en 2023 dun orzamento de preto de 4 M€ para dotar os concellos de instrumentos de ordenación territorial

Ángeles Vázquez incide no esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe

Ribeira de Piquín (Lugo), 26 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia disporá en 2023 dun orzamento de preto de 4 millóns de euros para dotar os concellos de instrumentos de ordenación territorial, tanto plans básicos municipais (PBM) como plans xerais de ordenación municipal (PXOM) no marco dos 16,2 millóns de euros cos que contará a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en 2023, case un 12% máis que no actual exercicio orzamentario.

 

Durante unha visita ao concello de Ribeira de Piquín, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu no esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

 

De feito, 113 concellos de Galicia contan hoxe cun planeamento xeral propio, adaptado e acorde á normativa, beneficiando a máis dun millón de galegos e galegas. E, no que respecta aos plans básicos municipais ¾destinados a concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con PXOM aprobado¾, nos últimos meses aprobáranse os de 3 municipios ¾Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín¾ e están a tramitarse outros 21 expedientes.

 

E, nesa liña, Ángeles Vázquez asinou hoxe co alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, a aprobación definitiva do Plan Básico Municipal deste municipio lucense, un instrumento urbanístico que lle permitirá ao concello ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica para dar resposta ao desenvolvemento dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

 

Máis polo miúdo, o PBM de Ribeira de Piquín delimita 38 núcleos rurais, dos que 29 son tradicionais, 3 comúns e outros 6 combinan ambas categorías.  E, ademais de recoller as dotacións existentes na actualidade no termo municipal, tamén establece solo rústico de protección ordinaria e solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal, das augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.

 

Cómpre lembrar que para a elaboración do catálogo do PBM empregáronse como fontes de información o Plan Básico Autonómico, a información facilitada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, os traballos en curso de elaboración por parte do Concello, e o resultado dos traballos de campo do equipo redactor.

Imaxes relacionadas