A conselleira de Infraestruturas adiantou hoxe esta actuación na supervisión das recén iniciadas obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e de acondicionamento da travesía da AC-550, nun treito de 1,3 km, ata a alameda

Ethel Vázquez avanza que a Xunta licitará antes de finais de ano as obras de mellora da depuradora de augas residuais de Noia, cun investimento de 3 M€

Vázquez Mourelle destaca que os Orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida de case 2 M€ para avanzar na reforma da depuradora, ademais dun investimento plurianual de 1,3 M€ para mellorar o abastecemento

Adianta que a comezos do verán do vindeiro ano os veciños de Noia terán á súa disposición a nova glorieta no cruce da Barquiña, beirarrúas renovadas e un itinerario peonil accesible por unha das marxes da travesía de Noia, grazas a un investimento da Xunta de 1 ,1 M€

Destaca nesta actuación a ordenación e mellora da seguridade viaria do cruce, mediante a construción dunha rotonda de 13 m de radio, cun trazado axustado a esa contorna de numerosas vivendas; que favorecerá a fluidez de tráfico e facilitará todos movementos e xiros dos vehículos

Tamén incide na mellora da mobilidade coa renovación das beirarrúas, desde a nova glorieta ata a alameda, no marco da reorganización da sección transversal da estrada

Cita o investimento de 505.000 € que destina a Xunta á execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, que beneficia aos veciños de Outes e aos de Noia

Noia (A Coruña) 26 de outubro 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta licitará antes de finais de ano as obras de mellora da depuradora de augas residuais de Noia, cun investimento de 3 M€. 

 

Indicou que os Orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida de case 2 M€ para avanzar na reforma desa infraestrutura.

 

Así o adiantou hoxe Vázquez Mourelle en Noia coincidindo coa súa visita para supervisar as obras, iniciadas hai só uns días, da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550, ata a alameda de Noia.

 

A conselleira quixo aproveitar a visita a pé de obra para afondar no compromiso do Goberno galego coas necesidades do municipio, reflexado no proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2023, ao que o Consello da Xunta deulle luz verde a pasada semana.

 

A este respecto, puxo en valor a vontade de apoio da Xunta a Noia, con especial dedicación á mellora das infraestruturas hidráulicas, que permitan mellorar os servizos aos veciños e avanzar para garantir a calidade das augas da ría.

 

Segundo dixo, por unha banda, consignan os recursos para avanzar nesa colaboración acordada co Concello para mellorar o abastecemento de auga, un investimento plurianual de 1,3 M€ en 2024. E, por outra banda, engadiu, eses Orzamentos recollen os investimentos necesarios para a reforma da depuradora para resolver a súas deficiencias.

 

Precisou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro inclúen así unha partida de case 2 M€ para a 1ª fase da mellora do sistema de depuración das augas residuais de Noia. A conselleira adiantou que esta actuación de reforma da depuradora, prevese licitar xa antes de que remate este ano para poder iniciar as obras o antes posible. Posteriormente, será necesaria unha ampliación.

 

Nesa vontade da apoio da Xunta co municipio, a titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén enmarcou a atención á demanda en Noia da reforma do cruce entre a estrada autonómica AC-550 e a vía provincial de acceso ao núcleo da Barquiña, onde hai ademais un supermercado que xera moito movemento de vehículos.

 

Ethel Vázquez incidiu en que, asumindo o seu compromiso, a Xunta está a comezar estas obras para reforzar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade dos veciños deste municipio, coa construción dunha glorieta na citada intersección, que leva aparellada o acondicionamento da travesía da AC-550 nun treito de 1,3 km, ata a alameda de Noia.

 

Explicou que esta actuación, que conta cun prazo de execución de 10 meses, permitirá que a comezos do verán do vindeiro ano os veciños de Noia teñan á súa disposición esta nova glorieta no cruce da Barquiña; beirarrúas renovadas e un itinerario peonil accesible por unha das marxes da estrada autonómica AC-550, grazas a un investimento da Xunta de 1 ,1 M€.

Concretou que con estes traballos vaise ordenar e mellorar a seguridade viaria do cruce, mediante a construción dunha rotonda de 13 metros de radio. Será unha nova glorieta cun trazado moi ben definido, axustado ao espazo dispoñible na contorna, con numerosas vivendas, remarcou.

 

A conselleira fixo fincapé como esa nova rotonda favorecerá a fluidez de tráfico e facilitará que todos movementos e xiros dos vehículos se realicen con seguridade. Ademais, acondicionaranse os ramais de acceso á glorieta, renovando a rodadura.

 

Destacou tamén a mellora do treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, ata a alameda de Noia.

 

Ademais, actuarase na capa de rodaxe desa travesía e farase unha redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

 

Tal e como especificou, renovaranse as beirarrúas, desde a nova glorieta ata a alameda, no marco da reorganización da sección transversal da estrada e completaranse os traballos coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.

 

Ethel Vázquez tamén se referiu a outros investimentos que está a executar a Xunta en Noia, como á execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, ás que se destinan 505.000 euros. Unha actuación, lembrou, que beneficia de xeito directo, aos veciños de Outes, pero tamén aos de Noia. Estes traballos consisten, principalmente, na substitución da varanda da ponte e na renovación da iluminación, con luminarias led.

Imaxes relacionadas