O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, compareceu hoxe na Cámara galega para presentar os orzamentos do seu departamento para o 2023

Os orzamentos da Vicepresidencia económica medran un 12%, ata os 524 M€, co obxectivo de impulsar a Axenda industrial para a Galicia de 2030

Trátase de promover a transformación enerxética e dixital do modelo produtivo e, para iso, a Xunta de Galicia vai poñer á disposición do tecido empresarial todos os incentivos e as medidas de acompañamento necesarias para desenvolver proxectos innovadores e sustentables

A curto prazo, darase resposta ás necesidades das familias e sectores económicos —en particular o comercio— derivadas da inflación e o prezo da enerxía

As prioridades, polo tanto, van estar en impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética (80M€) nos fogares, as empresas e a propia Administración, incentivando o autoconsumo e as comunidades enerxéticas

Tamén se buscará incrementar o número e a diversidade de pemes e microempresas innovadoras en Galicia e que o talento tecnolóxico frutifique en novos proxectos empresariais, o que ocupará 40M€ do Orzamento da Vicepresidencia económica
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe no Parlamento as contas da área económica do Goberno galego que, para o vindeiro ano, medran un 12%, ata os 524M€, co obxectivo de impulsar a axenda industrial para a Galicia de 2030, que concentra sete de cada dez euros do orzamento (360M€).

 

Segundo precisou, trátase de promover a transformación enerxética e dixital do modelo produtivo e, para iso, a Xunta de Galicia vai poñer á disposición do tecido empresarial todos os incentivos e as medidas de acompañamento necesarias para desenvolver iniciativas no eido da innovación e a sustentabilidade. Á súa vez, a curto prazo, o obxectivo será dar resposta ás necesidades que neste momento teñen os fogares e sectores económicos —en particular o comercio— derivadas da inflación e o prezo da enerxía.

 

As prioridades, polo tanto, van estar en impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nos fogares, as empresas e a propia Administración, incentivando o autoconsumo e as comunidades enerxéticas. De feito, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vai ser o organismo que máis incrementa os seus fondos, ata os 80M€. Galicia quere estar ao lado de familias, pemes e autónomos para que poidan rebaixar a súa factura eléctrica con programas como o Bono Social Eléctrico —duplícanse os fondos, ata os 4M€— e o Bono Enerxía Peme (4,7M€).

 

E, por outro lado, tamén se buscará incrementar o número e a diversidade de pemes e microempresas innovadoras en Galicia e que o talento tecnolóxico frutifique en novos proxectos empresariais, o que ocupará 40M€ do Orzamento da Vicepresidencia económica. Destaca o apoio a iniciativas como o Polo Aeroespacial de Galicia (máis de 27M€); o Polo de Tecnoloxías Cuánticas (22,5M€); arredor do sector biotech (10M€), o Polo biotecnolóxico de Galicia na Sionlla; e as Unidades Mixtas de Investigación (28,2M€).             A aposta vai estar en reter e atraer cara a Galicia o mellor talento investigador, con programas como o Oportunius.

 

Todo, subliñou Conde, para construír a marca país, que é a Marca Galicia, en torno aos valores da estabilidade, a oportunidade e o talento. E que Galicia poida seguir mantendo o mellor ciclo exportador da súa historia, para o que a Xunta vai investir 20M€.

 

O vicepresidente primeiro concluíu pedindo o apoio de todo o Parlamento para a aprobación duns orzamentos que pensan na nova xeración industrial de Galicia.

Imaxes relacionadas