A Xunta reforza con máis de 500 M€ adicionais actuacións para apoiar ás persoas e impulsar a competitividade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento

Explicou que o obxectivo é axudar ás familias e empresas e proporcionar certezas

Miguel Corgos destacou que as contas de 2023 ascenden a 12.620M€, as máis altas da historia

Galicia recuperará a principios de 2023 a riqueza prepandemia

Subliñou ademais, que o aforro bruto acada os 1.356M€, o importe máis alto da última década

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

A Xunta reforzará con máis de 500 millóns de euros adicionais un conxunto de medidas de impulso para apoiar e protexer ás persoas e empresas e impulsar a competitividade.

 

Así o expuxo o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2023 e as contas da súa consellería onde subliñou que o obxectivo é  axudar, protexer e acompañar ás familias e empresas que o necesiten e proporcionar certezas para dotar de estabilidade as decisións de consumo, aforro e investimento.

 

Estas medidas de impulso están enmarcadas en cinco liñas de actuación prioritarias que son a de apoio e protección das familias e das persoas máis vulnerables; a de aforro e eficiencia enerxética cunha serie de actuacións para contribuír a ter vivendas e empresas máis eficientes e fontes de enerxía diversificadas para así garantir o mellor subministro e con custes razoables; a de dinamización económica para manter o emprego e incrementar a competitividade; a protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e a de  fortalecemento dos servizos públicos para ter exercicio a exercicio unha mellor sanidade pública, unha mellor educación e uns mellores servizos sociais.

 

Para isto, a Xunta vén de elaborar un orzamento que ascende a 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia, e que conta co maior gasto social da historia, cun novo reforzo do investimento produtivo, con novas rebaixas de impostos e que reduce á metade o recurso ao endebedamento.

 

Ademais, Miguel Corgos sinalou que os presupostos do ano que vén inclúen un cadro macroeconómico realista e prudente coas estimacións do Instituto Galego de Estatística (IGE) avaladas un ano máis pola Autoridad Fiscal Independiente de Responsabilidad Fiscal (Airef). Neste sentido, subliñou que Galicia recuperará a principios de 2023 a riqueza prepandemia.

 

Máis gasto social e investimento

Neste marco, as contas do vindeiro ano reforzarán un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.368 millóns de euros (709M€ máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego. As tres consellerías que acaparan o gasto en servizos públicos esenciais concentran o 75% do incremento do orzamento. É dicir, 3 de cada 4 euros do incremento do orzamento van destinados a sanidade, ensino e políticas sociais.

 

Tamén se reforza o investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.772 millóns de euros para investimentos, un 8,5% máis que no 2022 co obxectivo de axudar a impulsar investimentos que aceleren a transformación do tecido produtivo, en especial, mobilizando os fondos europeos NEXT GENERATION, apoiando aos sectores produtivos estratéxicos, e fomentando un tecido produtivo moderno, eficiente, internacionalizado e sustentable.

 

Durante a súa intervención, o conselleiro tamén subliñou ademais, a boa evolución do aforro bruto que acada os 1.356 millóns de euros, o importe máis alto da última década, cun incremento de 511M€. Isto é moi importante para garantir a continuidade investidora ao longo dos anos e unha política de investimentos continuada no tempo.

 

Novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, no Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF co que se beneficia a todos os contribuíntes e de maneira especial ás rendas medias e baixas. Ademais, rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4% ao 9%. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476€ en relación ao que pagaban en 2009.

 

Por outra banda, tamén se equiparan a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF, e duplícase a dedución para as familias de tres fillos para beneficiar a máis de 187.000 familias. A partir de tres fillos, increméntase a dedución en 250 euros adicionais por cada fillo a maiores.

 

En resumo, son uns presupostos que protexen, acompañan e axudan a quen máis o precisa; que baixan de novo os impostos e garanten a blindaxe dos servizos públicos esenciais; con medidas para dinamizar a economía, con plans de aforro e eficiencia enerxética e coa protección do medio ambiente, a loita contra a seca e o cambio ciimático.

Imaxes relacionadas