O conselleiro do Medio Rural inaugurou esta mañá o II encontro Galicia Etiqueta Calidade e presentou esta iniciativa para promover o consumo da carne galega de calidade

A Xunta e o Consello Regulador de Carne de Vacún de Galicia activan dende hoxe a campaña de promoción da Ternera Gallega Suprema a nivel nacional cun investimento de 1,4 M€

O Goberno galego investirá en 2023 preto de 5,5 M€ na promoción dos produtos agroalimentarios de Galicia, para apoiar a presenza destas producións de calidade en feiras, fomentar ciclos curtos con soportes como internet, impulsar o labor de promoción dos consellos reguladores e desenvolver máis campañas promocionais
 

Nesta segunda edición da mostra daranse a coñecer os primeiros cinco “Embaixadores de Galicia Etiqueta Calidade”, que serán cinco personalidades relevantes nos seus sectores para promover a marca ao longo do ano 2023

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022 A Xunta e o Consello Regulador de Carne de Vacún de Galicia activan dende hoxe a campaña de promoción da Ternera Gallega Suprema a nivel nacional. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante o acto de inauguración do II encontro Galicia Etiqueta Calidade, onde se presentou esta campaña e que contou cun investimento de 1,4 millóns de euros. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Consello Regulador, Jesús González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

 

Sobre esta iniciativa, González sinalou que ten como obxectivo aumentar a sensibilización sobre a extraordinaria calidade deste produto e incrementar tamén o consumo desta carne de vacún, dentro e fóra das nosas fronteiras. Lembrou ademais que con esta campaña o Goberno galego cumpre un compromiso adquirido, xunto coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP), con todos e cada un dos produtores de carne de vacún de Ternera Gallega Suprema de Galicia. Con esta campaña búscase chegar a cubrir todo o espectro de comunicación audiovisual dispoñible. É dicir, radio, prensa, televisión, redes sociais, medios dixitais e revistas. Tamén se cubrirán os diferentes puntos de venda.

 

Ademais, durante a súa intervención, o conselleiro tamén destacou que o seu departamento investirá o vindeiro ano preto de 5,5 millóns de euros para impulsar a promoción de produtos agroalimentarios en xeral. Así, segundo explicou José González, estes fondos destinaranse a apoiar a presenza destas producións de calidade en feiras, tanto nacionais como internacionais, así como a fomentar ciclos curtos, a través de soportes como internet, e a impulsar o labor de promoción que realizan os consellos reguladores. Así mesmo, indicou o conselleiro, tamén se realizarán máis campañas como a de Ternera Gallega Suprema que hoxe se presenta.

 

Galicia, referente nacional

Neste contexto, o conselleiro puxo en valor o feito de que a nosa comunidade é unha das máis importantes de España no relativo á gandaría de vacún, tanto en número de cabezas como, sobre todo, en cantidade de explotacións, o que converte ao sector “nun dos piares básicos da economía rural galega”, remarcou. Nesta mesma liña, González salientou tamén que a IXP Ternera Gallega é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España, acadando case un 60 % do total. Porén, recordou o conselleiro, o vacún de carne tamén foi un dos sectores máis prexudicados polo incremento dos custos de produción rexistrado a partires de 2021.

 

Por iso, trasladou o titular de Medio Rural, “o primeiro instinto da Xunta foi botarlle a man a un eido produtivo fundamental para Galicia”. Así, xa en xullo pasado se asinaba un convenio de colaboración co consello regulador da IXP que propiciou a posta en marcha desta campaña a nivel nacional, que se suma a outras medidas postas en marcha para remediar a situación vivida polo sector agrogandeiro en xeral durante este último ano. Actuacións como o acordo “histórico” promovido entre todos os elos da cadea de valor cárnica para frear a venda a perdas xeneralizada. Así mesmo, a Consellería tamén publicou unha liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino, dotada con cinco millóns de euros para acadar os 25 millóns en préstamos concedidos. A estas medidas súmase o adianto de 200 millóns das axudas da PAC, así como as axudas directas e extraordinarias habilitadas por un importe superior aos 17 millóns de euros, que se articularon como anticipos de entidades bancarias.

 

Estratexia sectorial

Ademais, o conselleiro puxo en valor a Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia, que -anunciou- será presentada proximamente. Trátase, indicou, dunha “folla de ruta que perfilará os eixos estratéxicos e accións que deben implementarse ata 2030” neste eido produtivo. A maiores de todo este esforzo, José González recordou que a Xunta segue traballando por medio dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para aumentar a base territorial e a competitividade das granxas e sinalou que precisamente a xestión do territorio é un dos obxectivos desta norma, que tamén aposta por xerar sinerxías entre esa xestión e as producións de calidade -vinculándoas adicionalmente coa prevención-.

 

O conselleiro referiuse tamén á futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, e cuxo principal obxectivo é o de conseguir que os produtos galegos acaden unha nova dimensión no mercado, cun pulo sen precedentes para a protección, defensa e promoción da súa calidade.

 

Nesta liña, José González lembrou o antecedente que, en materia de campañas de promoción, supuxo Galicia Etiqueta Calidade. Unha iniciativa que -destacou- abarca todas as producións de calidade “para que Galicia continúe etiquetando a calidade dentro e fóra das nosas fronteiras e posicionando con éxito os nosos produtos nos mercados nacional e internacional”. Por último, o conselleiro remarcou o interese deste evento inaugurado hoxe e amosou o seu desexo de que “estes próximos días sexan produtivos para todos os que se acheguen a Galicia Etiqueta Calidade”.

 

Programa de Galicia Etiqueta Calidade

No que resta desta segunda edición de Galicia Etiqueta Calidade haberá diferentes mesas redondas sobre asuntos coma os retos e oportunidades no mundo da distribución de calidade, encontros entre expositores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas e responsables de empresas distribuidoras, degustacións e outras actividades relacionadas coa gastronomía e a despensa excelente de produtos galegos.

Ademais, explicarase polo miúdo, por parte de responsables da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o funcionamento e utilidades do marketplace (mercado dixital) de Experiencias de calidade, tanto desde a perspectiva do comprador como do produtor interesado en vender a súa produción a través desta ferramenta.

 
No programa tamén se inclúen máis showcookings e foros sobre xantares responsables de calidade. A maiores, daranse a coñecer os primeiros cinco “Embaixadores de Galicia Etiqueta Calidade”, que serán cinco personalidades relevantes nos seus sectores para promover a marca ao longo do ano 2023. Así mesmo, o director da Casa de Galicia en Madrid trasladará nunha conferencia os plans desta institución para o ano 2023, nos cales buscan promover que a Casa sexa un lugar de referencia para o sector primario galego, onde poder promocionar produtos, organizar conferencias, encontros de negocios ou actividades similares.

Imaxes relacionadas