O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu hoxe ás actividades desenvolvidas por Sarela

A Xunta participa nos actos conmemorativos do día do dano cerebral adquirido

O Executivo autonómico seguirá a traballar conxuntamente coas entidades para mellorar a calidade de vida destas persoas e dos seus familiares
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA) o valor que teñen as persoas afectadas por esta situación, porque “son capaces de enfrontar as dificultades que teñen que superar día a día”. Díxoo no acto conmemorativo desta efeméride organizado por Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela, co que se quixo dar maior visibilidade ao colectivo das persoas con DCA e ás súas familias.

 

Fernando González Abeijón fixo fincapé no traballo que realizan entidades como Sarela na achega de solucións para facer a vida máis doada ás persoas que padecen esta doenza, ao tempo que garantiu que a Xunta de Galicia continuará a traballar, da man do tecido asociativo, na mellora da calidade de vida das mesmas. Ademais, instou a seguir concienciando á sociedade sobre o DCA, xa que “este chega sen avisar e cambia a vida ás persoas que o sofren e aos seus familiares”.

 

O acto desenvolvido por Sarela consistiu no acompañamento a un grupo de persoas con Dano Cerebral que están a realizar o Camiño de Santiago. Para iso, persoas e familias usuarias de Sarela sumáronse ao percorrido desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, onde se deu lectura a un manifesto.

Imaxes relacionadas