A Xunta destaca as amplas capacidades de investigación en saúde do ecosistema galego de I+D+I

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na apertura institucional do VI Simposio do Grupo Español de Innovación e Investigación en Vesículas Extracelulares (Geivex) que se celebra en Santiago de Compostela


A orientación dos esforzos en I+D+i cara ás persoas para atender prioridades como a saúde é un dos eixos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que guía as políticas de investigación e innovación da Xunta de Galicia


A directora puxo en valor actuacións como o Polo Biotecnolóxico da Sionlla, a Estratexia de Impulso e Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia e a participación no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicado á Saúde
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na apertura institucional do VI Simposio do Grupo Español de Innovación e Investigación en Vesículas Extracelulares (Geivex), organizado pola Fundación de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela desde hoxe ata o venres.

 

A directora destacou na súa intervención que a orientación dos esforzos en I+D+i cara as persoas para atender retos da sociedade como a alimentación, a saúde ou o envellecemento activo é unha das tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2027, a estratexia global da Xunta de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sostible e de calidade a través da I+D+i.

 

Ademais, subliñou as capacidades do ecosistema galego de I+D+i en saúde, que conta con tres universidades, tres centros de investigación de referencia (CiMUS, CiQUS e CINBIO), catro fundacións de investigación sanitaria (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Pública de Medicina Xenómica), un Hub de Innovación Dixital (Datalife), dous clústeres empresariais e tecido empresarial bioemprendedor, emerxente e con enorme pulo.

 

Así mesmo, puxo en valor iniciativas que está a executar a Administración autonómica para contribuír a converter Galicia nunha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e proba de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e empresariais como as Estratexias de Impulso e Consolidación do sector Biotecnolóxico, o Polo Biotecnolóxico da Sionlla ou a participación no Plan Complementario de Biotecnoloxía en Saúde, un programa conxunto do Estado e das Comunidades Autónomas para impulsar terapias avanzadas e a medicina de precisión a través da ciencia e da innovación co apoio de fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia.

 

Por último, Argerey subliñou a importancia da investigación traslacional (trasladar os resultados da investigación do laboratorio á práctica clínica) no ámbito das Ciencias da Saúde, polo seu impacto na vida das persoas, e reiterou o apoio da Xunta de Galicia neste labor.

 

O VI Simposio Geivex reúne en Santiago a investigadores de renome internacional como Philip Felgner, Premio Princesa de Asturias en 2021 pola súa contribución científica encamiñada a facer fronte á pandemia da covid-19, ou María Elena Bottazzi, coñecida pola súa investigación en vacunoloxía tropical, codirectora do Centro para o Desenvolvemento de Vacinas do Hospital Infantil de Texas en Houston e nominada ao Premio Nobel da Paz 2022 por ter desenvolto a vacina Corbevax contra a covid-19, a primeira vacina que non require dunha patente, de baixo custe e coa posibilidade de distribuírse en grandes cantidades. Ademáis, participan tamén importantes investigadores galegos como Miguel López, María José Alonso e María de la Fuente.

Imaxes relacionadas