A Xunta asumirá en solitario o incremento de salario que supón a integración de profesores técnicos de FP no corpo de docentes de Ensino Secundario

O custo estimado en Galicia será de 2,6 M€, para o que non existen achegas do Goberno central

O cambio afectará, segundo as previsións, a entre 1.200 e 1.500 persoas

O proceso derívase da aplicación da nova lei educativa, que non foi consensuada coas CCAA, malia implicarlles gastos adicionais

O Goberno galego apoia a mellora das condicións para estes docente, pero considera imprescindible que Moncloa asuma o custo de decisións impostas sen debate

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022 A Xunta asumirá en solitario o incremento de salario que supón a integración dos docentes do extinto corpo de Profesores Técnicos de FP no de Ensino Secundario. Así llo confirmou esta mañá o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, ás organizacións sindicais na mesa sectorial na que se analizou a orde pola que se convoca o procedemento para esta integración que afectará, segundo as previsións, a entre 1.200 e 1.500 persoas.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este paso dun corpo a outro suporá en Galicia un incremento da masa salarial en, aproximadamente, 2,6 millóns de euros ao ano. Malia que este cambio vén derivado da nova lei educativa, LOMLOE, o Goberno central non vai transferir ás comunidades autónomas fondos para facerlle fronte.

O director xeral lamentou que, unha vez máis, as administracións autonómicas teñan que solucionar problemas derivados da aplicación dunha lei sen o consenso da comunidade educativa. Así mesmo, aclarou que o Goberno galego apoia a mellora nas condicións para estes docentes, pero considera imprescindible que Moncloa asuma o custo de decisións impostas sen debate de ningún tipo.

Procedemento

Logo de que as organizacións sindicais presentaran as súas achegas na mesa sectorial, a Xunta publicaráa e abrirá o prazo para que as persoas interesadas presenten a documentación. Para obter a integración no corpo de Profesores de Ensino Secundario os solicitantes deberán ser persoal funcionario de carreira do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional, ser titulares da especialidade na que se solicita a integración, ter destino definitivo ou encontrarse en expectativa de destino na de Galicia e estar en situación de servizo activo, de servizos especiais ou en diferentes casos de excedencia, comprendidos na orde.

Ademais, deberán posuír, ou estar en condicións de obter antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, unha das seguintes titulacións: grao, doutorado, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente a efectos de acceso á función pública docente, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

O prazo para formular solicitudes e, de ser o caso, para achegar a documentación esixida, será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación de dita orde na Diario Oficial de Galicia. A partir dese momento, a Consellería analizará e comprobará a documentación e proporá a listaxe de persoas para a súa integración no corpo de Profesores de Ensino Secundario.

Imaxes relacionadas