Rueda reafirma o apoio da Xunta ás persoas con discapacidade para avanzar na súa plena inclusión

O presidente do Goberno galego mantivo un encontro coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami)

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o apoio do Goberno galego ás persoas con discapacidade para avanzar na súa plena inclusión.

O titular do Goberno galego mantivo un encontro coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) no que lle trasladou a inquedanza do Goberno galego polo benestar dos seus usuarios, “porque se estamos a vivir tempos difíciles para todos, máis aínda para as persoas que teñen algún tipo de limitación física”, subliñou. Por iso garantiu o apoio da Xunta nos proxectos que ten en marcha Cogami no seu obxectivo de lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.

Cogami está constituída por máis de 50 asociacións do ámbito da discapacidade, e conta con 11 iniciativas empresarias de economía social que dan emprego a cerca de 800 persoas con discapacidade. A Confederación recibe da Xunta máis de 9 millóns de euros anuais a través de convenios de colaboración, financiamento de prazas en centros asociados ou axudas de inclusión ou de voluntariado, entre outras colaboracións.

Imaxes relacionadas