O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presidiu unha xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común 2023-2027 e outras achegas

A Xunta pon de relevo as axudas da PAC e as de plans de mellora e incorporación de mozos para contribuír ao futuro do agro galego

José Balseiros recordou que o Goberno galego volveu convocar este ano unha liña de anticipos para adiantar aos agricultores e gandeiros galegos no verán uns 200 millóns de euros das achegas da PAC

Tamén que se vén de habilitar un novo apartado na web do Fondo Galego de Garantía Agraria que recolle información útil tanto dos procedementos de cada unha das axudas da PAC 2023-2027 como das súas novidades

Así mesmo, lembrou que as achegas para plans de mellora, para a incorporación de mozos ao agro e para a creación de pequenas explotacións supuxeron este ano un investimento de 37,5 millóns de euros

Vila de Cruces (Pontevedra), 25 de outubro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu hoxe en Vila de Cruces unha xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 e sobre outras achegas de relevancia para o sector primario. Nesa liña, destacou a importancia deste tipo de subvencións para contribuír ao futuro do agro galego. 

Na súa intervención, o director xeral recordou que a Xunta volveu convocar este ano as axudas que permitiron adiantar no verán aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da PAC, subvencionando os xuros por un importe de 3,4 millóns. Unhas achegas que, segundo recordou, se adoitan cobrar no outono e que permiten reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que potencian os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

De cara ao próximo período, José Balseiros recordou que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) vén de lanzar un apartado dentro da súa páxina web dedicado á PAC 2023-2027. Nel, os usuarios atoparán información útil tanto dos procedementos de cada unha das axudas como das súas novidades. Así mesmo, o apartado web inclúe no apartado SIXPAC e Monitoraxe un resumo por usos de todas as parcelas de Galicia, un enlace ao visor SIXPAC e información xeral sobre os controis de campo que realiza o Fogga. Por último, o portal ofrece un mapa interactivo de Galicia por concellos que permite consultar os importes das axudas das últimas campañas, das superficies por usos do terreo e da produción de leite.

O director xeral aproveitou para referirse a outras axudas de relevancia para o sector como as destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, que contaron cun orzamento global de 37,5 millóns de euros este ano. Segundo salientou, con estas subvencións búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Imaxes relacionadas