A Xunta integrará no sector público autonómico ás tres fundacións de investigación sanitaria

O Goberno galego dá este paso tras homologar as condicións laborais das mesmas mediante os seus primeiros convenios colectivos, e tras acadar a acreditación, por parte do Instituto Carlos III, de todos os Institutos de Investigación sanitaria

Galicia foi a única comunidade autónoma que apostou por consolidar prazas coa categoría profesional de persoal investigador, incluíndo 34 dentro dos procesos extraordinarios de estabilización
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; informou esta mañá no Parlamento de Galicia da vindeira integración no sector público autonómico das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta a comunidade galega.

O anuncio prodúcese logo de que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) de Vigo recibise a acreditación por parte do Instituto Carlos III, do mesmo xeito que xa o fixeran o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) en 2010; e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) no 2014.

O Goberno galego dá este paso tras acadar, o pasado mes de xuño, a homologación das condicións laborais destas fundacións, un acordo que permite que os preto de 500 profesionais das fundacións de investigación sanitaria de Galicia desfruten dunha homoxeneización das categorías de persoal; melloras salariais con efectos retroactivos -desde o 1 de xaneiro deste ano-; ou dunha regulación dos distintos permisos de conciliación e o exercicio do teletraballo, entre outras.

Nesta senso, e tras e cumprir cos criterios recollidos na lexislación para ser consideradas Fundacións do sector público, o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao proxecto de Orzamentos para o 2023, recolle no seu artigo 43 que a Administración autonómica promoverá as modificacións dos estatutos que sexan precisas para que estas fundacións de investigación biomédica adquiran o carácter de fundacións do sector público autonómico, aos efectos do establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Durante a súa intervención na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, Fernández-Campa cualificou de “excelente nova” que Galicia teña acreditados os seus 3 Institutos de Investigación sanitarias, un recoñecemento que soamente posúen outros 34 centros en toda España.

Galicia continúa así na vangarda da investigación en saúde pois, esta acreditación, soamente é outorgada aos centros que reúnen un conxunto de condicións específicas, entre as que se atopan: posuír grupos básicos e clínicos con excelencia investigadora, e a existencia de axeitadas infraestruturas de apoio á investigación.

 

Estabilización do persoal investigador vencellado ao Sergas

Por outra banda, no que respecta ao persoal investigador que depende directamente do Sergas, Galicia foi a única comunidade autónoma que apostou por consolidar prazas coa categoría profesional de persoal investigador dentro dos procesos extraordinarios de estabilización.

Así, na oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde, o Sergas expuxo a incorporación ao proceso do persoal investigador e o persoal técnico de apoio á investigación, sempre prestase servizos no Sergas e que cumprise cos requisitos na norma.

Deste xeito, este procedemento, que xa está en marcha, incluirá un total de 34 prazas para persoal investigador. Unha nova medida que incide no obxectivo que persegue a Xunta, á hora estabilizar ao persoal investigador vencellado ao Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade