A Xunta incrementa este curso nun 7% a matriculación nas súas escolas infantís

Nestes momentos hai xa matriculados máis de 8.300 nenos de 0 a 3 anos nos centros da rede pública autonómica

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

As escolas infantís da rede pública da Xunta de Galicia contan nestes momentos cun total de 8.318 nenos matriculados, o que supón un incremento do 6,9% respecto ao inicio do curso escolar pola incorporación progresiva de novo alumnado. Así o indicou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Política Social, Emprego e Xuventude, na que fixo balance do inicio das clases nestes centros.

 

Na súa intervención, o director xeral de Familia destacou que o comezo de curso está a transcorrer con total normalidade e que unha das principais novidades con respecto ao anterior é a flexibilización das medidas fronte a covid-19, atendendo a unha situación epidemiolóxica que hoxe é máis favorable. No obstante, apuntou que os centros manteñen unha serie de recomendacións no ámbito da prevención que seguen sendo útiles para a saúde tanto dos profesionais como dos nenos.

 

Jacobo Rey lembrou que este curso está marcado por un feito histórico como é a atención educativa gratuíta  un máximo de oito horas ao día en todos os centros, con independencia da súa titularidade, e ao 100% do alumnado de 0 a 3 anos. Deste xeito Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que implanta unha medida deste tipo financiada por enteiro con fondos propios: máis de 50 millóns de euros. Arredor de 31.000 nenos se poden beneficiar desde o pasado mes de setembro da gratuidade e as familias dun aforro que pode chegar aos 2.000 euros por curso e fillo.

 

Casas niño

A estas cifras súmase o recurso das Casas niño, pequenos centros de atención á infancia no rural que tamén son de balde para as familias. Ao respecto, o director xeral da Familia apuntou que antes de que remate este curso estarán en funcionamento preto dun centenar de equipamentos deste tipo, que darán servizo a case 500 familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Imaxes relacionadas