A Xunta destinará 8,6 M€ en 2023 a apoiar os concellos na execución de actuacións urbanísticas

 O Goberno galego ratifica o seu compromiso de seguir traballando man a man cos concellos na humanización das contornas a través de iniciativas como o plan Hurbe


Quintela de Leirado está a mellorar a contorna das rúas que comunican a Casa Consistorial, a igrexa parroquial e a capela ao abeiro desta iniciativa
 

Quintela de Leirado (Ourense), 25 de outubro de 2022 

A Xunta de Galicia destinará 8,6 millóns de euros en 2023 a apoiar aos concellos na execución de actuacións de humanización de contornas urbanas e equipamentos municipais, un 23% máis que neste ano 2022, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

O Goberno galego ratifica o seu compromiso de seguir traballando man a man cos concellos na humanización das nosas contornas a través de iniciativas como o plan Hurbe, que se puxo en marcha hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

 

Durante unha visita a unha destas obras que se está levando a cabo no concello de Quintela de Leirado, na que estivo acompañada polo alcalde, José Antonio Pérez, a conselleira salientou que grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas. Dese total, na provincia de Ourense leváronse a cabo 166 actuacións en 68 concellos.

 

De feito, ao abeiro desta iniciativa, Quintela de Leirado está a mellorar a contorna das rúas que comunican a Casa Consistorial, a igrexa parroquial e a capela cun orzamento de 492.000 euros, dos que a Xunta aportou o 70%, mentres que o Concello e a Deputación de Ourense investiron o 30% restante.

 

Segundo salientou a conselleira, “este proxecto cumpre as expectativas que se marca a Xunta de Galicia xa que humaniza os nosos territorios, fainos máis accesibles e atractivos, e mellora os servizos á cidadanía”.

 

Esta actuación, cuxo remate está previsto para o primeiro trimestre de 2023, consiste na humanización, mellora bioclimática e aproveitamento dos recursos hídricos da parroquia de San Pedro de Leirado. Entre outras cuestións, mellorarase o pavimento e o saneamento; soterraranse as instalacións aéreas de subministro eléctrico, iluminación e telefonía; integraranse os contedores de lixo, e renovarase tanto o mobiliario urbano como as luminarias.

Imaxes relacionadas