Conde enmarca a planta de metanol verde de Foresa e Iberdrola en Caldas na aposta de Galicia pola sustentabilidade industrial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salienta que a iniciativa Green Umia, que ambas as dúas empresas están proxectando integra nunha mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno para a posterior obtención de metanol verde


Destaca que nestes momentos non se fabrica este produto en Europa, e que Foresa vai integrar a xeración de metanol verde dentro do seu proceso produtivo


O proxecto, que foi declarado pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria, conta cun investimento de 40 millóns de euros, e prevese xerar en torno a 35 empregos directos
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 25 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a planta de metanol verde que proxectan Foresa e Iberdrola en Caldas de Reis se enmarca na aposta que Galicia está facendo pola sustentabilidade industrial no marco da transición enerxética.

 

O vicepresidente económico destaca que a alianza estratéxica que Iberdrola e Foresa conforman con esta iniciativa, denominada Green Umia, é relevante desde o punto de vista técnico, porque integra nunha mesma localización a produción e o uso industrial de hidróxeno para a posterior obtención de metanol verde. Neste sentido, subliñou que nestes momentos non se produce metanol verde en Europa, e que Foresa vai integrar esta xeración dentro do seu proceso produtivo.

 

O proxecto, que foi declarado pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria, conta cun investimento de 40 millóns de euros, as previsións son chegar a producir preto de 3.000 toneladas anuais de metanol verde que, entre outros usos, serán empregadas para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos, e xerar en torno a 35 empregos directos. Segundo subliñou o vicepresidente económico da Xunta, Green Umia é un dos proxectos máis destacados que integran a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation

 

Conde, que destacou o impacto que a futura planta industrial vai ter no tecido económico local e da contorna, apuntou que está aliñado cos principios da economía verde e circular. Así, vela polo menor impacto ambiental, posto que vai dispoñer dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais reducindo as cantidades que se precisan no proceso industrial. Ademais, vai empregar a enerxía eólica como fonte de subministración eléctrica.

 

Esta aposta vai na liña dos proxectos desenvoltos nos últimos anos por Foresa, compañía á que a Xunta, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, concedeu apoios por valor de 2,3 millóns de euros, mobilizando investimentos por valor de máis de 7,5 millóns en eidos como as renovables e a eficiencia enerxética, así como no eido da innovación.

 

A prioridade da Xunta é ofrecer estabilidade e facilidades ao tecido empresarial para captar novos investimentos, a través de instrumentos como os Proxectos Industriais Estratéxicos, de Interese Autonómico e Iniciativas Empresariais Prioritarias como a que hoxe se presenta, que dan unha resposta administrativa áxil aos proxectos que Galicia ten en carteira.

 

Ata o de agora, con esta, son xa 16 as Iniciativas Empresariais Prioritarias declaradas pola Xunta, o que lles outorga a redución do tempo de tramitación dos proxectos, o acceso a máis incentivos fiscais e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

Imaxes relacionadas