A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o establecemento Niebla Boutique, un dos preto de 80 negocios do concello adheridos á campaña deste ano

Martina Aneiros anima aos consumidores de Ferrolterra a facer as súas compras no comercio de proximidade a través do Bono Activa Comercio

O Goberno galego destina 5 millóns de euros a esta iniciativa na que espera que participen 160.000 persoas
 

Cada cliente disporá dun bono desconto por un importe de 30€ que poderá descontar en función do crédito dispoñible nos distintos establecementos comerciais adheridos

Ferrol, 25 de outubro de 2022 As galegas e os galegos poden solicitar desde onte o Bono Activa Comercio, unha iniciativa da Xunta de Galicia  que ofrece descontos de ata 30 euros polas compras nos establecementos adheridos. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o negocio Niebla Boutique, un dos preto de 80 incluídos ata o momento na campaña, onde incentivou as compras no comercio de proximidade.

 

“O obxectivo desta proposta que o Goberno galego reedita por segundo ano é por unha banda reactivar o sector e dinamizar as vendas e pola outra axudar á economía das familias contribuíndo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos”, indicou Aneiros.

 

Os consumidores disporán dun bono de 30 euros que desde onte poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal. A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto será de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.

 

O Goberno galego destina ao Bono Activa Comercio un investimento de 5M€ co que prevé mobilizar 17 M€ en compras e chegar a máis de 160.000 persoas en toda Galicia.

 
Os establecementos que desexen unirse á iniciativa poden facelo ata o 30 de novembro, mentres que os descontos para os clientes estarán activos ata o 31 de decembro.

Imaxes relacionadas