As probas para a obtención dos certificados de lingua galega realizaranse na segunda quincena de novembro
Os exames para a obtención do Celga 4 terán lugar o 19 e o 20 de novembro, para o Celga 3 o sábado 26 e para o Celga 2 o domingo 27
As probas terán lugar simultaneamente en Santiago de Compostela e en Ponferrada
Os centros e horarios de realización, así como a listaxe de persoas admitidas, poderán consultarse proximamente no Portal da Lingua Galega
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022 As probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 4, 3 e 2 terán lugar nas fins de semana do 19 e 20 e 26 e 27 de novembro. Así o indica a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se fixan as datas de realización das ditas probas, que se desenvolverán simultaneamente en Santiago de Compostela e Ponferrada.
Deste xeito, os exames para a obtención do Celga 4 realizaranse o sábado 19 de novembro para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido comece por unha letra comprendida entre o T e o G e o domingo 20 para o resto. Pola súa parte, as probas para a obtención do Celga 3 e do Celga 2 terán lugar os días 26 e 27 de novembro, respectivamente, para todas as persoas admitidas.
Os centros e horarios de realización das probas, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade , poden consultarse no Portal da Lingua Galega. Asi mesmo, nesta web tamén se publicará, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Xunta comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula correspondente.