A conselleira do Mar participou na inauguración do ‘Seminario Neptunus. Importancia e impacto das ecoetiquetas no consumo’

A Xunta salienta a aposta constante do sector pola mellora na venda dos seus produtos coa creación de distintas ecoetiquetas

O Executivo galego enxalza a contribución de investigadores como o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, que creou ferramentas como o selo Pescaenverde para dar a coñecer a baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica do sector pesqueiro

Rosa Quintana lembra que este tipo de actuacións contribúen a poñer en valor os peixes e mariscos extraídos na comunidade favorecendo mellores prezos e un maior rendemento económico para os profesionais do mar

A titular de Mar incide en que o sector marítimo-pesqueiro é fundamental para a economía de Galicia ao aportar preto do 5% do PIB autonómico e ter relación con máis do 90% das ramas de actividade económica da comunidade

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a aposta constante do sector pesqueiro galego pola mellora na venda dos seus produtos coa creación de distintas ecoetiquetas para dar a coñecer a súa calidade e distinguilos da competencia. A este labor engadiu a contribución de investigadores como o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogrup) da Universidade de Santiago de Compostela, que creou ferramentas como o selo Pescaenverde para dar a coñecer a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético do sector pesqueiro.

Este tipo de actuacións, incidiu, contribúen a poñer en valor os peixes e mariscos extraídos en Galicia, favorecendo que acaden mellores prezos e que os profesionais do mar obteñan maior rendemento económico da súa actividade. Neste sentido, Galicia conta con selos como a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia ou pescadeRías, de onde se non? para enxalzar a calidade dos produtos do mar e distinguir a súa frescura e especiais características.

A representante do Executivo galego expuxo que esta cuestión é fundamental para un sector do mar que aporta preto do 5% do produto interior bruto (PIB) de Galicia e que ten relación con máis do 90% das ramas de actividade económica da comunidade. Nesta liña, subliñou que cada posto de traballo no mar xera moitos outros en terra, polo que lembrou a importancia de que todas as medidas de xestión pesqueira que se adopten leven aparellado un estudo de impacto socioeconómico.

A conselleira lamentou situacións como o veto á pesca de fondo decretado pola Comisión Europea e fixo fincapé en que a actividade extractiva é unha das máis respectuosas co medio ambiente, cunha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica, ao tempo que subministra alimentos de calidade á cidadanía fundamentais para ter unha alimentación saudable.

A iniciativa

O proxecto Neptunus ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento sostible do sector pesqueiro na área Atlántica mediante a implantación nunha metodoloxía para a ecoetiquetaxe dos produtos do mar e a definición de estratexias de ecoinnovación baixo un enfoque de economía circular. Ademais pretende facilitar ferramentas para a eficiencia dos recursos, baseadas no pensamento do ciclo de vida, incorporando a produtores, consumidores e xestores públicos no proceso de toma de decisións.

Esta iniciativa conta con 11 socios de cinco países -España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda-, e está coordinado pola Universidade de Cantabria co apoio de entidades galegas como a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética e Anfaco-Cecopesca. A maiores, conta coa colaboración de 17 entidades asociadas, como a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas