A Xunta activa o Xeoportal de Protección Civil de Galicia con información sobre riscos colectivos e plans de protección
A nova ferramenta facilitará o acceso a estes recursos por parte da cidadanía, dos servizos de emerxencia, dos concellos e das empresas suxeitas á normativa de autoprotección
A través dun visor ofrécese información estruturada sobre medios, distintos tipos de risco e planificación municipal para a súa visualización, edición e descarga
Trátase dun sistema integrado de protección civil e emerxencias adaptado aos cambios que se poidan producir nesta materia na comunidade
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022 A Xunta vén de activar o Xeoportal de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, unha nova ferramenta para achegarlle á poboación a máxima información sobre os riscos colectivos e os plans de protección existentes. Trátase dun visor estruturado en distintas áreas -medios, riscos e planificación municipal-, que permitirá o acceso a todos os recursos en materia de protección civil para a súa visualización, edición e descarga. Xa está operativo na seguinte ligazón: https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/proteccion-civil-galicia.
Esta nova ferramenta divulgativa representa un servizo de transparencia para a cidadanía, que poderá coñecer de xeito sinxelo os mapas de riscos de protección civil e os plans de protección cos que debe contar cada concello. Pola súa banda, as persoas titulares das actividades suxeitas á normativa de autoprotección terán accesibles os datos de riscos externos aos que puidesen estar sometidas, e os servizos de emerxencias disporán de máis coñecemento espacial dos riscos e dos instrumentos de planificación para facerlles fronte. A medida beneficia tamén os concellos, aos que ofrece información de riscos dos plans autonómicos para a elaboración dos seus propios plans municipais.
Canto ás distintas áreas que abrangue, na de medios infórmase de todos os centros de emerxencias. Inclúese así a localización dos centros das forzas e corpos de seguridade do Estado, e da Policía Local e vixiantes municipais, así como dos parques de bombeiros, os Grupos de Emerxencia Supramunicipal e os Servizos Municipais e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
Datos dos distintos tipos de risco
Pola súa banda, as capas de riscos recollen as análises dos riscos de protección civil e dos plans especiais autonómicos. Nelas distínguense os riscos tecnolóxicos, derivado dos establecementos que almacenan ou procesan substancias perigosas e para os que se representa a localización, as zonas de afección, os polígonos e a situación das sirenas. Cómpre sinalar que o visor proporciona toda a información que segundo a normativa ten que estar dispoñible para a cidadanía, como a actividade, substancias presentes, sistemas de aviso á poboación e medidas de autoprotección, entre outros aspectos.
Outro dos riscos incluídos é o relacionado co transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. Respecto del pódense consultar as vías polas que transitan e a franxa de 200 metros a cada lado considerada de risco. Tamén pode visualizarse a categoría de risco para cada concello. Neste eido recóllense ademais os aeródromos da comunidade, as estacións de transporte público e as vías principais do transporte terrestre.
A ferramenta afonda tamén nos riscos naturais, con datos relativos a inundacións, incendios forestais e sismicidade. Deste xeito, inclúese información de risco de enchentes e de infraestruturas hidráulicas, as manchas de inundación para os escenarios de probabilidade de 10, 100 e 500 anos no caso de zonas inundables de orixe fluvial e de 100 e 500 anos para as de orixe mariño. Neste ámbito cómpre destacar as presas, con documentos dos plans de emerxencia a as medidas que debe adoptar a poboación en caso de emerxencia.
A información sobre incendios forestais permite visualizar os concellos con zonas de alto risco e o índice de perigo a nivel municipio, así como o Índice de Risco Diario de Incendio facilitado pola Consellería do Medio Rural. Canto ao risco sísmico recóllense as intensidades máximas esperadas para un período de retorno de 500 anos, tamén a escala concello. A maiores figuran todas as zonas de baño censadas, con datos sobre afluencia, perigosidade e categoría de cada unha.
Outra das áreas ofrece as obrigas en planificación de protección civil de cada un dos concellos de Galicia para os distintos riscos.