Xa está aberto o prazo de inscrición para a segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, que terá lugar o 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura

A inscrición é gratuíta e con prazas limitadas ao aforo para a asistencia presencial
 

As xornadas reúnen a profesionais e entidades de referencia que ofrecerán relatorios específicos para o tecido empresarial, ás Administracións Públicas e para toda a sociedade: familias, menores, educadores ou o colectivo senior
 

Unha das novidades deste ano é a celebración de diferentes sorteos entre os asistentes presenciais
 

Ademais, haberá máis actividades complementarias como o Escape Room virtual de ciberseguridade, unha representación teatral sobre o acoso nas redes sociais ou sesións de hacking en directo

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022 Xa está aberto o prazo de inscrición para a segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os días 9 e 10 de novembro no  Edificio Fontán, da Cidade da Cultura. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia, abordarase o estado da ciberseguridade nas empresas, traballadores e cidadáns.

 

Esta segunda edición de CIBER.gal, organizada polo Nodo Ciber.gal non é un evento só para profesionais/expertos do sector, senón para toda a sociedade: familias, sector educativo, menores, educadores, colectivo senior, profesionais de todos os sectores, con actividades para cada perfil.

 

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 8 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.gaiastech.xunta.gal/gl/index.html tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.

 

A mañá da primeira xornada centrarase nos retos da ciberseguridade nas administracións públicas mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondará na importancia da formación e retención de talento no ámbito da ciberseguridade.

 

Actividades para todos os públicos

Esta segunda edición do Encontro Ciber.gal ofrecerá novas actividades complementarias para enriquecer o seu programa principal como unha representación teatral sobre o acoso nas redes sociais, da man da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Haberá un relatorio con hacking en directo, e espazos técnicos de exposicións sobre proxectos e ideas de ciberseguridade e a entrega de premios dos diferentes concursos.

 

Ademais da segunda edición do exitoso concurso de escolares Ciberseguridade no cole!, organizado por Telefónica no marco do Encontro no que participaron preto de 160 equipos e centros educativos de Galicia, Cátedra R e Gradiant organizarán un Capture The Flag, que porá a proba os coñecementos e habilidades dos participantes no eido da ciberseguridade. A Cátedra R tamén apoia a celebración do encontro impartindo un obradoiro sobre o análise forense de imaxes manipuladas.

 

Outra das novidades é a de actividades específicas dirixidas ao colectivo senior para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais, que ven da man de Telefónica para empoderar aos nosos maiores no uso seguro das tecnoloxías. Haberá sorteos e premios entre os asistentes que acudan de xeito presencial ás xornadas.

 

Este ano apoian a celebración do Encontro entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, axente que organiza as xornadas, pero tamén outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu  compromiso coa importancia da ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Abanca, NTTDATA e Grupo Oesía son patrocinadores estratéxicos do II Encontro CIBER.gal.

 

Nodo CIBER.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 45 entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.

 

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.