Conde salienta en Pantón que a dixitalización, a eficiencia e a internacionalización son obxectivos estratéxicos na axenda de Galicia a través dos Orzamentos de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou no foro II Foro Think Tank organizado en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo, centrado nesta ocasión na Ribeira Sacra
 

Duplícanse as partidas para axudar ás familias e ás empresas a rebaixar a factura eléctrica (pasan de 40 a 75 millóns de euros)
 

Destínanse 20 millóns de euros a impulsar a presenza da Marca Galicia e das empresas galegas nos mercados internacionais
 

Estase a traballar para que ao longo de 2023 se poida impulsar a tecnoloxía Blockchain como un factor diferencial nas empresas que pertencen ao selo Galicia Calidade

Pantón (Lugo), 24 de outubro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe en Pantón que a dixitalización, a eficiencia enerxética e a internacionalización son tres dos obxectivos estratéxicos recollidos na axenda de Galicia a través dos Orzamentos de 2023. Conde participou no II Foro Think Tank, organizado xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco do programa Conecta Lugo, e que nesta ocasión se celebrou baixo o lema Ribeira Sacra: aposta de futuro.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico sinalou que este encontro permite poñer en valor a excelencia do sector agroalimentario da zona; dos seus viños; e da aposta que se está a facer polo turismo sustentable; poñendo así en valor “que a Ribeira Sacra é Galicia Calidade”.

 

No acto, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, Conde incidiu en que a saída aos mercados exteriores é un dos grandes retos que afronta o tecido empresarial, sumado á transformación dixital e a transición enerxética.

 

Iso fai, segundo explicou, que a cultura da eficiencia e a sustentabilidade teñan que estar hoxe en día na axenda de calquera empresa para poder facer fronte ao impacto que o prezo eléctrico ten sobre os custos de produción.

 

Por iso, nos orzamentos para 2023 duplícanse os orzamentos para axudar ás familias e ás empresas a rebaixar a factura eléctrica (pasan de 40 a 75 millóns de euros). Dentro desta partida, destínanse 17 millóns de euros a incentivar o autoconsumo e as comunidades enerxéticas empresariais. E no tocante á internacionalización, destínanse 20 millóns de euros a impulsar a presenza da Marca Galicia e das empresas galegas nos mercados internacionais.

 

O responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que as prioridades do tecido empresarial galego son as da Xunta, co obxectivo de impulsar a recuperación e o crecemento da economía galega. Nesta aposta, Galicia Calidade debe sumarse aos novos retos da transición dixital e da aposta por unha economía máis sostible.

 

Por iso, estase a traballar para que ao longo de 2023 se poida impulsar a tecnoloxía Blockchain como un factor diferencial nas empresas que pertencen ao selo de Galicia Calidade, axudándoas na súa innovación na cadea de subministración -o que achegará garantías de trazabilidade aos consumidores- e apoiando as empresas no seu desenvolvemento dixital. Tamén se implantará un sistema de indicadores de sostibilidade que servirá para achegar valor ás empresas.

 

O responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que a Marca Galicia Calidade tamén está na forma en que a Xunta entende a xestión, ofrecendo estabilidade e certezas ao tecido empresarial, a través de instrumentos como a Lei de simplificación administrativa, a Lei de áreas empresariais e a Oficina Galicia Empresa; e de figuras administrativas como os Proxectos Industriais Estratéxicos; de Interese Autonómico e as Iniciativas Empresariais Prioritarias; que dan unha resposta administrativa áxil aos proxectos que Galicia ten en canteira e cos que aspira a fondos europeos.

 

Entre os grandes proxectos que se prevén na provincia de Lugo destacan a fábrica de fibras téxtiles de Altri, en Palas de Rei; a planta de Cafés Candelas; o centro de produción de biometano de Bioenergía Lugo; e os novos investimentos no Polo Aeroespacial de Galicia.

 
Pola súa parte, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre o potencial do sector agroalimentario galego. Alí destacou que Galicia conta con 36 produtos de calidade diferenciada que se verán reforzados coa nova Lei da Calidade Alimentaria de Galicia, que actualmente está na súa fase de tramitación. Neste senso, destacou que esta norma contribuirá a que estes produtos de calidade alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva.

Imaxes relacionadas