Máis de 37.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio nas primeiras horas deste luns

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Marín diferentes establecementos participantes na iniciativa que hoxe bota a andar

A Xunta destina 5M€ a este programa co obxectivo de beneficiar a máis de 160.000 clientes e mobilizar 17 millóns de euros en vendas, incentivando as compras nos establecementos locais
 

Cada consumidor pode descargar un bono de 30 euros que terá a oportunidade de utilizar ata o 31 de decembro nos negocios adheridos

Marín (Pontevedra), 24 de outubro de 2022 Máis de 37.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio nas primeiras horas deste luns, mentres que o número de comercios adheridos superou os 4.000, dos cales máis de 1.300 corresponden á provincia de Pontevedra.

 

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, realizou esta mañá unha visita a diferentes establecementos de Marín participantes na iniciativa que hoxe bota a andar, á que a Xunta de Galicia destina 5 M€ coa previsión de chegar a mobilizar 17M€ en compras no comercio de proximidade de toda Galicia. Cada consumidor pode obter un bono de 30 euros que terá a oportunidade de utilizar ata o 31 de decembro nos negocios adheridos.

 

Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. No caso dos clientes, hoxe é o primeiro día no que se poden descargar e utilizar os bonos, mentres que os negocios puideron anotarse ao programa desde o pasado 13 de outubro.

 

Heredia, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López e representantes do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín e do Concello marinense, sinalou que un dos obxectivos desta iniciativa é incentivar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais. Ao mesmo tempo, contribúese a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.

 
A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.

Imaxes relacionadas