A Xunta amplía ata superar o millón de euros as axudas para os programas de saúde mental

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da última ampliación de crédito destas axudas, o que permite apoiar a máis de 50 proxectos

 

O conselleiro de Sanidade avanza no foro "Depresión y suicidio en Galicia” que os Orzamentos para 2023 permitirán crear un hospital de día de saúde mental en cada área sanitaria

 

García Comesaña destaca a provisión de novas prazas de especialistas saúde mental, inseridas no Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha nova ampliación de crédito destinada ao financiamento de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. Con esta nova partida, que ascende a 121.193 euros, a Xunta de Galicia supera o millón de euros para apoiar a máis de 50 proxectos do ámbito da saúde mental.

A protección da saúde mental segue a constituír unha das prioridades sanitarias do Executivo galego, polo que continúa a adoptar medidas para mellorar a calidade de vida da poboación que sofre algunha doenza deste tipo. Así, o salientou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no foro "Depresión y suicidio en Galicia”, no que asociacións de pacientes, familiares e representantes da Sociedade Española de Psiquiatría y Salud Mental abordaron a situación da depresión e do suicidio a nivel autonómico.

Desde ano 2020, o Plan galego de Saúde Mental poscovid-19, desenvolve actuacións dirixidas a incrementar a autonomía dos pacientes que presentan algún trastorno mental, promovendo a normalización social e a desestigmatización das persoas que padecen este tipo de enfermidades. Este plan foi dotado cun orzamento de 83 millóns de euros para o período 2020-2024.

Neste senso, a colaboración e participación co tecido asociativo e as entidades especializadas no coidado de pacientes con trastorno mentais foi definida como un das liñas de traballo prioritarias para a Xunta de Galicia. Así, este Plan supuxo que no ano 2020 se convocasen axudas específicas neste campo por valor de 500.000 euros, unha contía que neste 2022 xa superou o millón de euros, e que beneficiou a máis de 50 entidades. Mediante estas axudas, o Executivo galego apoia o fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, os programas de prevención do suicidio e, fundamentalmente, programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo.

Ademais, o Plan prevía a creación de 241 novas prazas de persoal especialista en saúde mental. Desde a posta en marcha do Plan, o Sergas contratou xa 125 novos profesionais. Os orzamentos de Galicia para o ano 2023 contemplan a creación doutras 61 prazas de especialistas en saúde mental, supoñendo unha partida de 2,6 millóns de euros.

Nesta liña, a comunidade galega incrementou as prazas de persoal especialista en saúde mental na convocatoria do presente ano, aumentado nun 53% as prazas formativas para psicoloxía clínica, e nun 33% as de psiquiatría. Galicia será ademais unha das primeiras comunidades autónomas en formar especialistas en psiquiatría da infancia e a adolescencia, un logro que fora moi demandando polos profesionais deste eido.

Precisamente, para mellorar a atención da saúde mental desta poboación, o Plan permitiu a posta en en marcha de senllos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo. O obxectivo é completar neste 2023 a totalidade das áreas sanitarias, polo que dentro das novas prazas creadas se contemplan as necesarias para iniciar a actividade de hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil na Coruña, Ferrol e Pontevedra.

Para garantir a cobertura destas novas prazas, recentemente aprobouse no Parlamento galego unha lei impulsada pola Xunta para atraer a todos os profesionais dispoñibles ao sistema sanitario público, convocando mediante o sistema de concurso de méritos as prazas de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista que derivan deste Plan.

Prevención do Suicidio en Galicia

No que atinxe á prevención do suicidio, o responsable de carteira sanitaria da Xunta apuntou que “no ano2019 en Galicia só había unha unidade de prevención do suicidio, en Ourense”. No obstante, “esta cifra ascenderá o presente ano até as 6, ao engadirse a posta en marcha das unidades da Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra”. Así mesmo, adiantou que “o obxectivo da Xunta de Galicia é completar este mapa e poñer en marcha a unidade de prevención do suicidio da área de Santiago este mesmo ano”.

Na súa intervención, García Comesaña destacou a importancia de coidar o benestar emocional da poboación durante toda a vida, poñendo especial énfase na súa atención durante as etapa da infancia e mocidade. Así, puxo en valor o novo Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil. Unha medida que, posta en marcha, en conxunto coa consellería de Educación, define a primeira vía rápida de derivación e valoración do risco suicida na adolescencia, ao coordinar os centros escolares co 061, os centros de atención primaria e os especialistas en saúde mental.