Fernández-Tapias celebra a “maioría de idade” da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia “en plena efervescencia cultural”

A delegada territorial de Xunta en Vigo deu a benvida ao director cultural da Biblioteca Nacional de España, Ángel Martínez Roger, que impartiu a lección inaugural do curso académico da ESAD

Vigo, 24 de outubro de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns nos actos de apertura do curso académico 2022-23 da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD). A representante autonómica celebrou durante a súa intervención que o centro cumpra os 18 anos de vida “en plena efervescencia cultural”.

 

“É un momento moi especial porque celebramos a súa maioría de idade con fitos moi importantes como a participación na exposición Cuatrienal de Praga ou a chegada, por primeira vez a unha escola española de eramus africanos de fala portuguesa”, sinalou.

 

O acto de apertura da ESAD estivo presidido polo seu director, Roberto Relova, e contou coa intervención musical de dúas violinistas ucranianas que están a estudar no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ademais, a lección inaugural co título “Xestionando o talento. Vocación nas artes escénicas” correu a cargo de Ángel Martínez Roger, actual director cultura da Biblioteca Nacional de España.

 

Fernández-Tapias deu a benvida a Martínez Roger, ex director da Real Escola de Arte Dramático de Madrid e especializado en escenografía teatral e operística.

 

Ademais, a delegada territorial reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa que é unha das catro únicas escolas en España que inclúe na súa oferta educativa tres especialidades de titulación superior: interpretación, escenografía e dirección escénica. A ESAD contará este curso con preto de 200 alumnos matriculado, unha vintena de eles erasmus,  e un cadro de 43 profesores.

Imaxes relacionadas